ALCALDÍA

Inaugurada na Alameda a exposición conmemorativa "15 anos do ProxectoTERRA"

20/06/2016 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, asistiu á inauguración da exposición conmemorativa 15 anos do ProxectoTERRA, organizada polo Colexio de Arquitectos de Galicia e instalada no Paseo da Ferradura da Alameda. Está composta por oito prismas onde se mostra o transorrer desta iniciativa de cooperación co mundo da educación, dirixido ás distintas etapas da Educación Obrigatoria.

O obxecto do ProxectoTERRA é contribuír a mellorar o coñecemento que os escolares deben ter da arquitectura e da identidade territorial galega. O acto de inauguración contou coa asistencia, ademais do alcalde, do decano do Colexio de Arquitectos, Antonio Maroño; o concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte; a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta de Galicia, Encarnación Rivas; o presidente da Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos, Santiago García; e o coordinador do ProxectoTERRA e responsable da montaxe da exposición, Xosé Manuel Rosales.

O ProxectoTERRA nace no ano 2000 por iniciativa do Colexio de Arquitectos de Galicia, o cofinanciamento da Xunta de Galicia e a colaboración da Asociación Socio-Pedagóxica Galega, TVE, ONCE, Nova Escola Galega e Arquitectura Sen Fronteiras. Destinado a todas as etapas educativas –Infantil, Primaria e Secundaria–, o proxecto pretende mellorar a formación que as galegas e os galegos deben ter sobre os espazos e lugares que se habitan, uns lugares e paisaxes cheas de valores que son resultado dun lento e laborioso proceso de transformación do medio no que se vive.

Esta iniciativa procura ser un punto de encontro que contribúa a que o conxunto da cidadanía teña un mellor coñecemento de como ao longo do tempo se foi construíndo o país, alimentando a necesidade de reflexionar criticamente sobre o patrimonio construído, a tradición herdada –da que se debe aprender– e sobre as prácticas arquitectónicas e de ocupación do territorio que se deben evitar, para así estar en mellores condicións de propoñer e desexar os espazos a habitar. En 2010, ProxectoTERRA recibíu o Premio Nacional de Urbanismo do Ministerio de Fomento e, en 2011, a Fundación Premios da Crítica de Galicia concedeulle o Premio de Iniciativas Culturais.

Os materiais elaborados polo ProxectoTERRA son distribuídos gratuitamente á totalidade dos centros educativos de Galicia, uns 1.400 centros de Infantil, Primaria e Secundaria públicos, privados e concertados. Grazas ao financiamento da Xunta de Galicia, a iniciativa desenvolveu unhas 900 actividades complementarias, entre visitas guiadas de arquitectura e cidade e os intercambios territoriais, nas que participaron uns 150 centros, na súa maioría públicos e de Educación Secundaria, e un total de 45.000 escolares. O profesorado tamén recibe cursos de formación. O ProxectoTERRA impartíu dende os seus inicios uns 55 cursos formativos nos que participaron 2.400 profesores das distintas etapas educativas.

Nesta mostra preséntanse os últimos recursos educativos elaborados: Pagus. Galicia, un país de paisaxes (2015), dirixido á Educación Secundaria, e Sabela e as zocas máxicas (2014), dirixido á Educación Infantil. Para os estudantes de Secundaria, o ProxectoTERRA editou en 2015 o recurso educativo Pagus. A publicación, composta por 14 paisaxes galegas, preséntase en dous volumes, o libro do alumnado e a guía do profesorado, e ten como marco de referencia o Convenio Europeo da Paisaxe e os currículos educativos vixentes co fin de seguir os criterios do Consello de Europa sobre a necesidade de fixar obxectivos e metodoloxías na materia de paisaxe e desenvolvemento sustentable no eido do ensino obligatorio.

Ademais, a exposición exhibe os contidos do libro infantil Sabela e as zocas máxicas. Trátase dunha publicación que forma parte dos recursos educativos elaborados polo ProxectoTERRA para Educación Infantil co obxecto de orientar a observación e a vivencia dos espazos cotiás no ánimo de facelas o máis diversas, persoais e completas posibles. Foi creado e escrito por Lorena Mª Croques, Mª José del Río e Miriam Sedes, con ilustracións de Óscar Villán.

A mostra permanecerá exposta en Santiago ata o vindeiro día 26 de xuño.

Compartir: