ACCIÓN CULTURAL

"A frauta máxica", primeira das proxeccións de óperas do festival Aix-en-Provence

20/06/2016 O Auditorio de Galicia acolle a proxección da ópera A frauta máxica, de Mozart interpretada no Festival d’Aix-en-Provence 2014. Será mañá, martes 21, a partir das 20:00 horas, na Sala Mozart, con entrada libre.

Esta é a primeira cita das diversas proxeccións que ofrecerá a Concellaría de Acción Cultural no Auditorio en colaboración, ademais de co Festival Aix-en-Provence, co Institut Français, Arte e a Fondation Orange. Neste mes de xuño teremos tamén o mércores 29 A Traviata de Verdi, e a programación continuará en xullo con Cosí fan tutte, O Reiseñor e Pélleas e Mélisande.

O festival arranca este martes 21 de xuño, que ademais é o Día Europeo da Música, coa proxección de A frauta máxica de Wolfgang Amadeus Mozart, Singspiel en dous actos á que lle pon música a Freiburger Barockorchester co coro English Voices e tres nenos do Coro de Nenos da Academia Coral de Dortmund, dirixidos por Pablo Heras-Casado. Gravouse no festival en 2014, ten unha duración de 3 horas e 15 minutos (descanso incluído), e leva os subtítulos en español.

Sinopse
É a historia de Tamino, novo príncipe estranxeiro que, baixo as ordes da Raíña da Noite, aventúrase no reino de Sarastro e enfróntase a probas terribles polo amor de Pamina. É tamén a historia de Papageno, paxareiro gracioso que soña só con comer, beber e encontrar a súa Papagena.

Última obra lírica de Mozart, A frauta máxica é tamén a máis asombrosa de todas pola súa mestura de xéneros e de estilos, do conto fantástico á fábula filosófica, da comedia vienesa á ópera virtuosa.

Direccións relacionadas



Compartir: