CONSORCIO

Nove alumnos e alumnas da Escola de Altos Estudos Musicais tocarán este mércores como solistas coa Real Filharmonía de Galicia

20/06/2016 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) imparte o Curso Avanzado de Especialización Orquestral, un curso de posgrao recoñecido como título propio pola Universidade de Santiago que naceu hai cinco anos como unha experiencia pioneira en España. Diríxese aos que remataron os seus estudos musicais e buscan integrarse nunha orquestra. Como colofón ao ano académico, varios alumnos do centro, seleccionados polo seu nivel de excelencia, participan como solistas nun concerto coa Real Filharmonía de Galicia (RFG).

O concerto desta edición celebrarase este mércores, 22 de xuño, ás 21:00 horas, no Auditorio Abanca de Santiago, situado no número 23 da rúa Preguntoiro. A entrada é gratuíta, previa retirada da invitación na billeteira do Teatro Principal (de 18:00 a 21:00 horas, de martes a sábado) ou no propio auditorio unha hora antes do inicio do concerto.

A Escola e a RFG conforman un proxecto musical único, xa que os profesores instrumentais da EAEM proceden da Real Filharmonía, coa que os alumnos participan nos seus concertos ao longo da temporada. Nesta ocasión os músicos estarán dirixidos polo mestre compostelán Maximino Zumalave, director asociado da RFG e da Escola.

Os nove alumnos seleccionados para participar como solistas neste concerto son Laia Albinyana, frauta; Ismael Vidal, trompa; Diego Aragón, trompeta; Juan Antonio Carrillo e Miguel Blanco, violoncellos; Aida López e César Sánchez, violíns; Javier Sánchez, fagot; e Raquel Miguélez, contrabaixo. Cada un deles protagonizará unha obra para o seu instrumento. Tocarán obras completas ou fragmentos do Concerto para frauta de Vivaldi, Concerto para trompa de Förster, Concerto para trompeta de Telemann, Concerto para violoncello nº 1 e nº 2 de Haydn, Concerto para violín nº 5 de Mozart, Concerto para fagot de Weber, Concerto para contrabaixo nº 2 de Bottesini e Aires bohemios do compositor español Pablo de Sarasate.

Compartir: