TURISMO

A praza de Mazarelos acollerá un mercado tradicional, gastronomía, actividades e obradoiros para celebrar o San Xoán

20/06/2016 A praza de Mazarelos será o punto central das actividades do novo festival organizado polo Concello de Santiago, a través de Turismo de Santiago, para promocionar as Festas de San Xoán como un atractivo turístico da cidade. O evento arrancará a tarde do xoves 23, completando a programación que artellarán para o Día de San Xoán os distintos colectivos, barrios e asociacións da cidade, enriquecéndoa con accións que se prolongarán ata o sábado 25 para festexar a chegada dos días máis longos do ano.

En Mazarelos instalarase un mercado tradicional, unha área gastronómica para desfrutar dos produtos típicos de San Xoán, e celebraranse actividades e obradoiros para a posta en valor dos ritos e tradicións destas datas. Entre as actividades haberá rutas guiadas para a recollida de herbas de San Xoán, organizados en colaboración co CIAC, obradoiros de botánica, de coroas florais, vasoiras de xesta, cestería, baile e colocación de pano tradicional, contacontos sobre mitos e lendas, música, queimadas con conxuro...

Ademais, na noite do 23, o tren turístico circulará de balde para fomentar a mobilidade, tanto da veciñanza de Santiago como de turistas e visitantes, que así poderán transitar a diferentes cacharelas da cidade. O tren turístico fará un circuíto circular que sairá do CGAC ás horas e media, con distintas paradas que estarán sinalizadas para a ocasión. O tren circulará entre as 19:30 e as 00:30 horas.

Direccións relacionadas



Compartir: