DEPORTE

O campo de Conxo acollerá o IV Campus de Fútbol da Fundación Atlético de Madrid

20/06/2016 O concelleiro de Deporte, Rafael Peña, presentou esta mañá o IV Campus de Tecnificación organizado pola Fundación Atlético de Madrid. Na rolda estivo acompañado polo seu coordinador, Héctor Antelo.

Rafael Peña explicou que "se trata da cuarta edición deste evento na comarca, pero a primeira vez que se celebra no noso concello. Para iso poremos a disposición do club o campo de fútbol A Merced de Conxo, que se abrirá o luns da semana que vén". Rafael Peña e Héctor Antelo agradeceron tamén a colaboración co campus do CD Conxo.

O IV Campus de Tecnificación celebrarase entre os días 4 e 9 de xullo no campo de fútbol de Conxo e está dirixido a nenos de entre 4 e 16 anos. Os máis pequenos e os porteiros, que recibirán un adestramento específico, realizarán as actividades no campo de herba natural, e os maiores no campo sintético. Haberá sesións con adestradores titulados, como é o caso de Miguel Ángel Sopuerta, técnico do Atlético de Madrid Féminas, quen ascendeu ao equipo á máxima categoría e competiu na Champions League nesta temporada.

O horario do campus será de 9:30 a 14:00 horas e as actividades futbolísticas complementaranse con outras como xincanas, xogos tradicionais, etc. Hai un total de 100 prazas dispoñibles. O prezo por participante é de 160 euros e a inscrición pode facerse cubrindo un formulario ou presencialmente nas oficinas do campo de fútbol de Conxo. Héctor Antelo destacou que "se trata dun campus moi completo dentro dos que existen a nivel elite, onde os rapaces participantes non só realizarán actividades deportivas, senón que aprenderán valores coma o respecto e o compañeirismo, que se inculcan no club dende as categorías inferiores".

Campo de Conxo
A preguntas dos medios sobre o estado das obras no campo de fútbol de Conxo, o concelleiro de Deporte explicou que "xa está rematado o campo e a zona de adestramento", polo que esta semana se acometerán os últimos traballos no muro perimetral. A idea é que a semana que vén o campo estea operativo para que o CD Conxo poida realizar os seus adestramentos. Peña entende que "este campus é ademais a ocasión ideal para a primeira actividade deportiva do novo campo".

Compartir: