ALCALDÍA E CONVIVENCIA

A Agrupación de Protección Civil de Santiago cumpre 20 anos ao servizo dos cidadáns

18/06/2016 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, presidiu no Auditorio de Galicia o acto de entrega das Medallas ao Mérito e á Constancia a 16 integrantes da Agrupación de Protección Civil de Santiago, con motivo do seu 20º aniversario. Ademais, a Agrupación compostelá recibiu a Placa ao Mérito Colectivo por estes vinte anos de servizo aos cidadáns, outorgada pola Asociación Nacional de Agrupacións de Voluntarios (ANAV).

Martiño Noriega recolleu en nome da Agrupación compostelá a primeira Placa ao Mérito Colectivo na súa categoría de prata, sendo a primeira do rexistro nacional de ANAV con este distintivo prateado. O premio entregoullo ao alcalde o tesoureiro da Asociación, Ramón Pérez Barrientos.

Na súa intervención, o rexedor municipal indicou que "está ben lembrar de onde vimos para gañar o futuro". Así, afirmou que "ten especial mérito formar parte desta familia laranxa, que se asenta no apoio do voluntariado. Ceden o seu tempo e o seu traballo para poñelo ao servizo dos demais e de Santiago, unha cidade receptora de milleiros de visitantes". Neste sentido, dixo ser consciente de que "este esforzo ten que ter contraprestación en medios, formación e cariño por parte das institucións.

Seguindo co acto, tal como sinalou a xefa de Protección Civil de Santiago, Begoña del Río, o Concello quixo recoñecer "o compromiso de todos os voluntarios e voluntarias de Protección Civil coa súa cidade, dende a súa creación, hai xa 20 anos". Uns galardóns, sinalou, que premian "anos de compromiso, de altruísmo e de cooperación".

Destacou a valía, vocación de servizo público e traxectoria dos 16 premiados, dos que catro recibiron o distintivo vermello por 20 anos de servizo: Iván García Blanco, Alejandro Teixeira Cameán, Evaristo Lema López e Santiago Lema López. Por 15 anos de servizo, levaron o distintivo azul Vanesa Muñiz Torrado, Alberto Sabel Vázquez e Isabel del Río Naya. A traxectoria de 10 anos é recoñecida co distintivo laranxa, outorgado a Roberto Porto Castro, Carmen Landeira Fraga e Jorge Fontao Sueiro. Finalmente, o distintivo branco, por 5 anos de servizo, recibírono Diego Villar González, Miguel A. Seoane Otero, Ana María Suárez Sarmiento, Juan Manuel González Rey, Adrián Gómez García e Marcos Moar Calvo.

O acto celebrado no Auditorio de Galicia tamén serviu para conceder un agasallo varias agrupacións que colaboran activamente coa de Santiago. É o caso das de Padrón, Teo, Valga, Caldas de Reis, Cambre e Muxía. O recoñecemento foi entregado polo concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro.

Ademais do alcalde e do concelleiro, participaron na cerimonia o director xeral de Emerxencias, Luis Menor, e o vicerreitor de Comunicación e Coordinación da USC, Xosé Pereira. El e o resto de asistentes puideron presenciar un simulacro que reflectiu a preparación e bo facer da Agrupación de Protección Civil de Santiago. Os voluntarios evacuaron un traballador ferido nas cubertas do Auditorio mediante tirolina e rapel a medio acuático.

Direccións relacionadas



Compartir: