EDUCACIÓN E CIDADANÍA

A Escola Municipal de Música de Santiago celebrou o seu festival de fin de curso

18/06/2016 Ao longo dos últimos meses, a Escola Municipal de Música de Santiago, procurou amosar o traballo desenvolvido polas diferentes agrupacións musicais da Escola: Banda, Banda de Iniciación, Orquestra de Corda, Orquestra de Iniciación e Coros. Actuou en prazas, centros educativos e noutros espazos da cidade. Desta vez, no Auditorio de Galicia, as familias e o público tiveron a ocasión de comprobar o traballo conxunto da EMM.

O primeiro en saír ao escenario do Auditorio foi o Grupo de Cámara de Percusión e Corda, dirixido por Fernando Rey, que interpretou Ritual de fuego, de Manuel de Falla, e Carmen (popurri), de Georges Bizet. Logo, a Orquestriña, coa dirección de Mario Diz, interpretou varias pezas da autoría do propio director.

Fernando Rey tamén dirixiu a Bandiña, que interpretou pezas tan populares como as bandas sonoras do filme Piratas do Caribe ou da serie de televisión Xogo de Tronos. O seguinte concerto foi o do Coro Infantil PEX, dirixido por Simona Kantcheva.

A Orquestra de Corda, dirixida por Mario Diz, tocou pezas de Purcell e Bartok, ademais de varias composicións tradicionais irlandesas e escocesas. Outra das formacións da Escola, o Conxunto Tradicional, coa batuta de Pablo Pascual, interpretou varias muiñeiras, mentres que o Coro Infantil PEX, dirixido por Olaia Novo e co acompañamento ao piano de Julián Sende, tocou Hallo Django, de Uli Führe.

Pola súa parte, o Coro Infantil e o Combo Música Moderna, dirixidos por Olaia Novo e Pablo Pascual, deleitaron ao público do Auditorio con dous clásicos do rock arranxados para a ocasión: "Riders on the storm", de The Doors, e "Another brick in the wall", de Pink Floyd. A Banda, baixo a dirección de Óscar Fernández, tamén se decantou polo cinema: Braveheart, de J. Horner, e 1492. A conquista do paraíso, de Vangelis. Concluíron este festival de fin de curso a Banda e o Coro Adulto, dirixidos por Óscar Fernández e Simona Kantcheva, que interpretaron La del Soto del Parral, de Soutullo e Vert.

Compartir: