EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Uns 250 intérpretes encheron de concertos as prazas para celebrar o Día Europeo da Música

18/06/2016 Os alcaldes de Santiago, Martiño Noriega, e de Vedra, Carlos Martínez; e o concelleiro compostelán de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, acompañados dos representantes institucionais dos concellos da Coruña e de Rianxo, José A. Acuña e Anxo Moares, participaron nos diferentes actos desenvolvidos este sábado en diferentes prazas da cidade para celebrar o Día Europeo da Música 2016. Foron varios concertos nos que participaron preto de 250 músicos da Escola Municipal de Música de Santiago, do grupo de gaiteiros Río de Anxo, da Banda Municipal de Música de Santa Cruz de Rivadulla-Vedra e da Aula de Jazz da Escola Municipal de Música da Coruña.

A xornada musical concluíu cun acto institucional na praza das Praterías, no que os dous alcaldes dirixiron unhas palabras ao público asistente. Ademais, houbo unha interpretación conxunta de todos os músicos participantes do Himno da Alegría e do Himno Galego, e unha solta de pombas resultado da colaboración do club colombófilo Alas Compostelanas.

A celebración arrancara ao mediodía tamén na praza do Toural coas actuacións da Banda de Iniciación e da Orquestra de Iniciación da Escola Municipal de Música (formacións integradas polos alumnos e alumnas de instrumento máis novos), que interpretaron pezas como McRonald’s March, Tortoise Race, Piratas do Caribe, Xogo de Tronos, Camiñando, ou Old Joe Clarke.

Pola tarde, foi a vez da representación do Concello de Rianxo, co grupo de gaiteiros Río de Anxo, que iniciaron a súa actuación na Porta Faxeira, realizando paradas no Toural, Mazarelos, Cervantes e a Quintana, para rematar en Praterías. Alí animaron ao público para interpretar todos xuntos a tradicional Rianxeira.

Na praza do Toural púidose escoitar a Orquestra da Escola Municipal de Música de Santiago e, na praza das Praterías, iniciouse a tarde musical co concerto da Banda Municipal de Música de Santa Cruz de Rivadulla-Vedra, para seguir co concerto da Banda da Escola Municipal de Música de Santiago. Todas as actuacións congregaron numeroso público nestas prazas do Casco Histórico.

Logo do acto institucional, aínda houbo tempo para a actuación da Aula de Jazz da Escola Municipal de Música da Coruña, que deleitou ao público ata pasadas as 23:00 horas cun variado repertorio que incluíu unha homenaxe a David Bowie.

Ás 20:00 horas interrompeuse o programa de concertos para gardar un minuto de silencio na praza de Praterías en apoio á campaña "Badaladas en prevención do suicidio", na que participan representantes de diferentes colectivos sociais. Estes actos reivindicativos promovidos polo Movemento Galego de Saúde Mental teñen lugar todos os días diante da Catedral para reivindicar un Plan Galego de Prevención do Suicidio.

Día Europeo da Música
O Día Europeo da Música é unha celebración que cada ano mobiliza a milleiros de músicos de todas as idades en centos de cidades de toda Europa. A Unión Europea instituíu o día 21 de xuño como celebración europea en 1985 (coincidindo co Ano Europeo da Música), co obxectivo de promover o intercambio cultural entre os pobos e a solidariedade entre os territorios a través da música. Dende aquela, o desexo dunha educación musical para todos e para todas fai que vilas e cidades de toda Europa saian ao redor desta data para sensibilizar e promover o gozo artístico da práctica musical.

En Santiago de Compostela, dende o ano 2010, o Departamento de Educación e Cidadanía vén promovendo a realización desta iniciativa con diferentes formatos nas datas próximas ao día 21, sempre aproveitando a fin de semana, atendendo á idoneidade destes días pola masiva participación de estudantes das diferentes agrupacións musicais da cidade e favorecendo o encontro familiar e a concorrencia do público de Compostela e de aqueles que nos visitan, facendo que as rúas e prazas sexan lugar de encontro e de goce arredor da música.

Compartir: