EMPREGO

O Foro de Innovación para o Emprego acollerá máis de 30 actividades formativas

13/06/2016 A só dous días para o comezo do Foro da Innovación para o Emprego 2016, que terá lugar no Palacio de Congresos e Exposicións en Santiago de Compostela os días 15 e 16 de xuño, xa se poden ofrecer algúns datos provisionais. Así, recibíronse 129 ofertas de 78 empresas diferentes, rexistráronse máis de 3.200 inscricións das persoas usuarias nesas ofertas e foron remitidos ás empresas máis de 800 currículos que se axustaban aos perfís requiridos.

No que se refire ás actividades formativas, nas semanas previas desenvolvéronse diversos cursos previos, relacionados coas novas tecnoloxías e a marca dixital na busca de emprego, vía e-learning e webinar, nos que participaron máis de 1.100 persoas. Os propios días do evento haberá máis de 30 actividades formativas e de información sobre o mercado laboral, entre as cales estarán: obradoiros para a busca de emprego 2.0; cursos de programación e robótica; relatorios como "Todo o que necesitas para atopar emprego" e "Crearán os robots máis emprego do que destruirán?"; a actividade "Presenta, convence, conquista", que inclúe formación teórica e práctica sobre oratoria, imaxe persoal, así como xestión de redes e recursos audiovisuais para o emprego; presentación de empresas e proxectos innovadores no eido laboral, etc.

Nas diversas actividades participarán máis de medio centenar de formadores/as e profesionais especializados. A maioría de actividades contan cun abano amplo de horarios para que as persoas asistentes poidan organizar a xornada segundo o seu interese. Aínda quedan prazas dispoñibles en diversas actividades, sendo necesario inscribirse a través da web axencialocaldecolocacion.org.

Compartir: