TURISMO

Un dos creadores do modelo matemático da neve do filme "Frozen" dará este martes unha charla para todos os públicos

13/06/2016 O Auditorio Abanca acollerá este martes, ás 20:00 horas, a charla divulgativa "O Camiño matemático cara os Oscar", na que participará o profesor de UCLA, Joseph Teran, quen participou no desenvolvemento matemático do modelo que permitiu a recreación natural dos movementos da neve na película Frozen, recoñecida con multitude de premios, entre eles o Oscar á Mellor Película Animada no 2014, e que conseguiu unha recadación mundial superior aos 1.200.000 millóns de dólares.

A charla, que será gratuíta e está dirixida a todos os públicos, é unha das actividades principais de difusión da 19ª Conferencia Europea de Matemáticas para a Industria (ECMI 2016), congreso europeo que se celebra cada dous anos e no que se presentan os avances máis importantes en matemática aplicada á industria, reunindo a representantes do ámbito científico, universitario e industrial de todo o continente.

A concelleira de Turismo, Marta Lois, presentou a charla divulgativa no Pazo de Raxoi acompañada por Peregrina Quintela, presidenta do Comité Organizador do ECMI 2016 e catedrática de Matemática Aplicada na USC; Alfredo Bermúdez, presidente do Comité Científico do ECMI 2016; e Jorge Mira, catedrático de Electromagnetismo da USC e moderador da charla.

O ECMI 2016 celébrase entre o 13 e o 17 de xuño e ten as súas sedes nas facultades de Matemáticas e Bioloxía do Campus Vida da USC. O Congreso conta con máis de 350 investigadores e investigadoras procedentes de preto de 40 países. Aínda que a maioría son de Europa, hai participación de persoas procedentes de EEUU, Canadá, México, Nixeria, Sudán, Tanzania, Uganda, China, India, Israel, Filipinas e Xapón.

A matemática aplicada
A matemática aplicada refírese a aqueles métodos e ferramentas matemáticas que poden empregarse na análise e solucións de problemas pertencentes ás áreas das ciencias aplicadas ou sociais. Nos últimos anos estase vivindo un profundo cambio na aplicación da técnica e da metodoloxía matemáticas, repercutindo directamente na solución de cuestións propias doutros ámbitos científicos.

Así, problemas científicos de notable impacto social como a predición do tempo e o clima, o tratamento de imaxes, a fabricación e reciclaxe de plásticos e vidros, a tecnoloxía dos semicondutores ou as novas técnicas financeiras, implican un tratamento matemático e unhas necesidades de cálculo moi sofisticadas que precisan da investigación matemática e do desenvolvemento da súa aplicación.

A USC, unha referencia
Neste sentido, a Universidade de Santiago é unha referencia internacional no ámbito das Matemáticas. Por exemplo, segundo a Ranking do US News Best Global Universities, os investigadores de Matemáticas da Universidade de Santiago son os máis destacados das Universidades españolas e sitúanse no posto 49 de entre as 750 universidades de todo o mundo analizadas.

A elección do Departamento de Matemática Aplicada da USC para organizar o ECMI 2016 é unha mostra do recoñecemento internacional que ten a Facultade de Matemáticas da USC.

Compartir: