TURISMO

As cidades Patrimonio promocionan a súa oferta turística no mercado asiático

13/06/2016 O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España realizou unha serie de presentacións técnicas do seu produto en Seúl, Tokio e Manila co fin de impulsar a súa imaxe como destino para os viaxeiros do mercado asiático

As accións de promoción tiveron lugar os días 7, 8 e 10 de xuño en Corea, Xapón e Filipinas e dirixíronse a máis de 250 turoperadores, axencias de viaxes e medios de comunicación do sector turístico. A campaña foi organizada en colaboración con Paradores e con Turespaña, a través das súas Oficinas de Turismo en Tokio e en Singapur, responsables dos mercados asiáticos.

A campaña arrancou o pasado 7 de xuño en Seúl, cunha presentación técnica do Grupo celebrada nun céntrico hotel da capital coreana na que participaron 75 turoperadores e axencias de viaxes e 10 medios de comunicación. Ao día seguinte, 8 de xuño, a Embaixada de España en Tokio (Xapón) foi o escenario no que se convocou a 102 empresarios do sector e a 29 responsables de medios especializados en viaxes. A última das presentacións tivo lugar o venres 10 de xuño en Manila (Filipinas), nun acto que reuniu na Embaixada de España a 39 turoperadores e axencias de viaxes e a 10 medios de comunicación. O produto patrimonial e cultural e o ensino do español para estranxeiros foron os eixos da campaña promocional nos tres países.

O obxectivo destas presentacións en mercados de orixe foi reforzar a imaxe das 15 cidades españolas inscritas na Lista do Patrimonio Mundial en Asia e dar a coñecer a súa oferta patrimonial e cultural entre o sector profesional, centrándose nas preferencias dos visitantes destes países. Estas accións comerciais están contempladas no Plan Operativo de Turismo do Grupo para 2016 e complementan a súa estratexia de promoción no crecente mercado emisor asiático, que inclúe entre outras actividades: a organización de viaxes de familiarización e de prensa, a recente participación en xornadas directas de comercialización en China, Corea e Xapón, e a participación en importantes feiras de turismo como a JATA de Tokio e a ITB de Singapur o próximo outono.

Os mercados do Sueste Asiático
Os coreanos consideran a España como un destino turístico moi atractivo, debido fundamentalmente a elementos culturais que son moi apreciados na sociedade coreana, como a gastronomía, a arquitectura e a forma de gozar do lecer. A espectacular evolución no crecemento dos turistas coreanos en España, que converteu a este país nun dos mercados de maior crecemento, débese á conxunción dunha serie de factores favorables como son a fortaleza da economía coreana, o esforzo continuado por parte de Turespaña en traballar o mercado coreano, o establecemento de conexións aéreas directas polas dúas principais liñas aéreas coreanas, Korean Air e Asiana. O turismo coreano cara a España é principalmente cultural, afastado do de "sol e praia" e cun gasto medio destes viaxeiros que triplica a media doutros turistas.

Xapón é un tradicional mercado prioritario para o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, ao ser a cultura a principal motivación dos seus cidadáns cando viaxan a Europa. Segundo os datos de Japan Tourism Marketing, en 2015 a cota de mercado de Europa foi do 16,5%, correspondendo a España o 2,8%. A pesar de que as viaxes dos xaponeses ao estranxeiro experimentaron unha contracción nos dous últimos anos debido á percepción de inseguridade nos desprazamentos ao estranxeiro e ao seu encarecemento, mantense un excelente comportamento deste emisor en relación coas chegadas dos seus turistas ao noso país. En 2015, visitaron España 600.000 turistas xaponeses, cifra un 26,6% superior á rexistrada o ano anterior (Frontur-INE).

Respecto de Filipinas, trátase dun mercado no que os seus turoperadores mostran un especial interese por incluír a España no deseños dos seus paquetes a Europa, debido a que os filipinos desexan coñecer a herdanza cultural española e séntense atraídos polo turismo relixioso e de peregrinacións, ao contar cun 80% da súa poboación como relixiosa practicante.

Compartir: