ALCALDÍA

Compostela homenaxea a Xosé Mosquera Pérez, "O vello dos contos"

13/06/2016 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, descubriu este mediodía unha placa en lembranza de Xosé Mosquera Pérez, "O vello dos contos", no número 36-38 da rúa do Franco. Alí, no exterior do inmoble no que residira, estivo acompañado da familia do homenaxeado, encabezada pola súa filla, Lola Mosquera. Tamén asistiron o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira; os directores dos IES Xelmírez I e Rosalía de Castro, Manuel Portas e Ubaldo Rueda; e representantes da Corporación municipal.

Durante o acto, a filla do "Vello dos contos" agradeceu este recoñecemento, "un agasallo que nunca esquecerá". Lola Mosquera salientou o amor de seu pai "pola radio, pola cultura e a lingua e por Galicia".

Pola súa banda, o alcalde incidiu en que a homenaxe a Xosé Mosquera é "un acto de xustiza a unha persoa que na década dos 30 do século pasado investiu en facer transmisión cultural a través da oralidade, utilizando novas canles como a da radio". Martiño Noriega lembrou que "O vello dos contos" foi durante anos "moi popular, sensible coa cidade, e protagonista na recuperación da memoria de Rosalía de Castro".

Representación e certame escolar
Antes do descubrimento desta placa, a lembranza a Xosé Mosquera Pérez empezaba no IES Xelmírez I cunha representación teatral dinamizada por Arraianos Producións e na que se recuperaron as historias do "Vello dos contos". Deste xeito, quíxose achegar a súa figura aos estudantes. Un 300 alumnos e alumnas do centro asistiron á posta en escena, na que tamén estivo a familia do homenaxeado.

Cómpre destacar tamén o labor de difusión da figura de Xosé Mosquera Pérez entre os máis novos realizado por centros escolares coma os IES Rosalía de Castro e Xelmírez I e os CEIP Raíña Fabiola, López Ferreiro e Pío XII. Por este motivo, os directores destes centros participaron tamén no descubrimento da placa.

Seguindo con este labor divulgativo, o Concello de Santiago vai poñer en marcha o Certame escolar de relato radiofónico "O vello dos contos", que ao mesmo tempo tratará de fomentar a creatividade literaria entre o alumnado compostelán. Iniciarase no vindeiro curso, tal como anunciou o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, ao rematar a representación no IES Xelmírez I.

Xosé Mosquera
Xosé Mosquera Pérez naceu no Carballal, antigo concello da Enfesta, o 18 de setembro de 1895, e morreu en Compostela o 30 de decembro de 1965. Foi coñecido polo seu personaxe "O vello dos contos", ao que lle deu vida na emisora Unión Radio Galicia entre 1932 e 1936. A través del, fixo campaña a favor do Estatuto de Galicia de 1936. Ademais, Mosquera Pérez foi o impulsor do Padroado Rosalía de Castro, creado para comprar a Casa da Matanza que despois se convertería nun museo sobre a escritora, cunha biblioteca especializada.

Xosé Mosquera Pérez dálle nome aos xardíns de Pelamios e, dende 1995, no parque de Vista Alegre pódese ver unha escultura do "Vello dos contos", obra de Fernando García Blanco. O recordo ao profesor tamén está presente en Lavacolla, a súa parroquia natal, a través dunha placa conmemorativa e de dous cadros que se poden ver no Local Social de San Paio da Sabugueira.

Compartir: