ACCIÓN CULTURAL

El Punto! Danza Teatro presenta "El Olimpo no es aquí" en Compostela a vindeira semana

10/06/2016 A compañía andaluza El punto! Danza Teatro chega a vindeira semana a Compostela dentro do circuíto Danza a Escena de La Red de Teatros, Auditorios, Circuítos y Festivales do INAEM. Estarán o xoves 16 de xuño na Sala Agustín Magán, ás 20:30 horas, co seu espectáculo de danza urbana El Olimpo no es aquí.

A presenza do deporte na sociedade é sen dúbida cada vez maior. Os deportistas son ídolos cunha presenza cada vez máis ampla, son os novos deuses do Olimpo, pero moitas veces non pola súa conduta exemplar... Na obra, Fernando Lima aborda este mundo a través da danza e das linguaxes urbanas, coma o break dance e o hip hop, que deixaron de ser materiais exclusivamente urbanos para asociarse con outras expresións creativas.

Un traballo para catro intérpretes que son capaces de imprimir ao seu baile un sinal solemne, lírica, que rompe con chiscadelas dramáticas. Unha proposta que se basea na investigación sincera que mira cara a dentro, onde a frescura, a ironía e a rebeldía do baile rueiro ponse ao servizo da danza contemporánea. O espectáculo acadou o premio á Mellor Coreografía-Mellor Espectáculo de Danza en Escenarios de Sevilla 2016.

A compañía
El Punto! Danza Teatro é unha compañía xestionada por Eléctrica Proyectos Culturales. Fundada polo coreógrafo, produtor e intérprete Fernando Lima, adopta unha linguaxe persoal que nace da necesidade de mesturar distintas disciplinas artísticas. O deseño das súas pezas navega nunha atmosfera onírica onde elementos moi próximos a nós gañan unha dimensión lírica, cargada de simboloxía. O traballo dramatúrxico, como procura dun diálogo que sirva para conectar e comunicar, é o punto de partida para a creación dos seus espectáculos.

Entradas
As entradas teñen un prezo de 8 euros (4 € cos descontos habituais) e poden mercarse no 902 434 443, en entradas.abanca.com, no despacho de billetes do Teatro Principal (de 18:00 a 21:00 h de martes a sábado) e o propio día do evento na Sala Agustín Magán dende unha hora antes de que empece.

Compartir: