EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Os programas de conciliación de verán terán talleres "Xoga e aprende con enerxía!"

11/06/2016 Este sábado realizouse o cuarto taller Xoga e aprende con enerxía! a cargo de Marta Gómez, arquitecta experta en enerxía da arquitectura. Este ciclo de obradoiros está dirixido a nenos/as entre os 9 e 12 anos, que a través de divertidos xogos aprenden a aforrar enerxía e a concienciarse na mellora dos espazos nos que habitan.

Os obradoiros están pensados para crear novos hábitos de consumo de enerxía e outros recursos de maneira responsable, aprendendo a favorecer o confort nas vivendas, coñecer os materiais cos que foi construída ou rehabilitada a vivenda na cidade histórica. Todo isto dun xeito lúdico, ameno e divertido.

Para asistir ao último dos talleres, previsto para o sábado 18 de xuño, debe reservarse praza no Departamento de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago: dpteducacion@santiagodecompostela.gal ou nos teléfonos 981 554 400/401.

Antes do taller deste sábado, o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, tivo ocasión de conversar con técnicos do Departamento de Educación, do Consorcio e do colectivo Precicla! (arquitectas que actúan como monitoras nos talleres) sobre a organización de novas propostas que permitan seguir traballando en torno a estes conceptos de consumo responsable para o alumnado de Santiago. En concreto, decidiuse que nos programas de conciliación familiar previstos para este verán tamén se desenvolvan estes talleres. Ademais, está previsa unha publicación que poida ser distribuida entre as familias e nos propios centros de ensino.

Estes talleres didácticos súmanse aos que vén celebrando o Consorcio de Santiago baixo o título Rehabilita con enerxía!, tamén na Galería Sargadelos. Neles, os cidadáns poden aprender a mellorar a xestión enerxética nas súas vivendas. Esta iniciativa enmárcase no programa europeo EFFESUS -Eficiencia enerxética para a sostibilidade dos centros históricos europeos.

Compartir: