CONVIVENCIA

Trescentos escolares de Primaria participaron este venres nunha xornada sobre seguridade viaria na praza do Obradoiro

10/06/2016 Con motivo da celebración do Día da Educación Viaria o 10 de xullo, o Concello organizou a Semana da Educación Viaria, un programa de actividades que se pechou precisamente este venres cunha xornada sobre seguridade viaria na praza do Obradoiro. Uns 300 rapaces e rapazas de 4º de Primaria participaron nas actividades, ata as que se achegou durante a mañá o alcalde, Martiño Noriega.

Durante a mañá houbo talleres, música, unha xincana e outras actividades durante unhas horas nas que un dos protagonistas foi Moito Olliño, a mascota do Programa de Educación Viaria da Policía Local. Todos os nenos e nenas puideron participar, por exemplo, no Parque Infantil de Tráfico instalado no Obradoiro e que durante estas última semanas estivo no recinto feiral de Amio.

Houbo diversos talleres, como o de bicicletas, impartido en colaboración con Decathlon, no que os rapaces e rapazas puideron aprender a resolver pequenos problemas técnicos coma un pinchazo, a rotura de freos ou o desaxuste das cadeas. Protección Civil tamén se uniu á xornada cun taller sobre primeiros auxilios.

A participación dos Bombeiros e a súa interacción cos nenos e nenas centrouse na prevención. Impartiron un taller sobre excarceración, no que os participantes puideron contemplar as técnica e materiais empregados nestes supostos. Ademais, prepararon unha xincana na que se combinaron os compoñentes didáctico e lúdico.
Os vehículos e materiais da Policía Local e dos Bombeiros tamén estiveron expostos na praza, para que os pequenos e pequenas puideran facer uso deles e sentirse policías e bombeiros por un día.

Moito Olliño
Esta xornada tamén serviu para a presentación pública da mascota do Programa de Educación Viaria, Moito Olliño. Este personaxe tamén é o protagonista do vídeo sobre seguridade viaria elaborado para o programa e que se proxectou este día. Na gravación participaron algúns nenos e nenas do Colecamiños dos colexios Raíña Fabiola e Pío XII, e tamén do Colexio Peleteiro.

O programa desta xornada sobre seguridade viaria completouse co contacontos musical aXente Corrente, a cargo de Xoglares.

Compartir: