LINGUA

Nikis e Queroté, tendas protagonistas das imaxes gañadoras do #fotolingua

09/06/2016 Xa temos gañadores do concurso #fotolingua, organizado polo Departamento de Lingua do Concello de Santiago para darlle visibilidade aos establecementos comerciais que fan uso do galego. O alcalde, Martiño Noriega, fixo entrega esta mañá dos agasallos nas dúas tendas protagonistas das imaxes vencedoras da campaña.

A foto máis votada polo público, con 132 "gústame" en Facebook, foi a realizada por Alba María Vinke Dovale, coa paisaxe da tenda Nikis Galicia Style, na rúa do Preguntoiro. A imaxe elixida polo xurado do concurso foi a subida a Instagram por Pablo Víctor Estévez (@detodounpouco), e amosa o cartel do establecemento Queroté, na rúa de San Pedro.

O agasallo para a autora e o autor das fotos foi un teléfono móbil de última xeración, mentres que os dos establecementos foron identificados cun vinilo coa imaxe do concurso.

Alto impacto
O concurso #fotolingua celebrou este ano a súa primeira edición, e para participar só había que facerse seguidor da conta de Facebook ou Instagran da iniciativa e subir unha fotografía que evidenciara o uso do galego nos establecementos comerciais, hostaleiros ou empresas de Compostela. Ademais, había que usar as etiquetas #fotolingua e/ou #ogalegovende.

Na dúas semanas que durou o certame, entre o 10 e o 24 de maio, presentáronse 58 fotografías de locais e lugares de Santiago nos que a lingua galega ten un papel protagonista. Todas foron subidas aos perfís persoais dos participantes por eles mesmos para cumprir cos requisitos de participación, e tamén se compartiron nos perfís oficiais do concurso.

Estas imaxes recibiron un total de 1.057 "likes" ou "gústame", e as dúas redes sociais abertas para o concurso contabilizaron 575 usuarios. Ademais, grazas ás seis campañas realizadas neste período a través de Facebook, o impacto do certame alcanzou os 53.965 usuarios da área de Compostela.

Compartir: