LINGUA

O Concello de Santiago colabora coa campaña "A lingua, arte da túa terra"

08/06/2016 O Concello de Santiago, a través do Departamento de Lingua, colabora coa EASD Mestre Mateo nunha novidosa campaña de promoción do galego que bota man da moda e das últimas tendencias. Trátase da iniciativa "A lingua, arte da túa terra. Boinas en Compostela", que puxo en marcha Galteo, o equipo de dinamización lingüística da Escola, en colaboración co IES Marco do Camballón, de Vila de Cruces.

A idea é recuperar o uso da boina, "que pode ser un complemento moderno aínda que sexa tradicional, como tamén moderno é o galego". Deste xeito, transmítese a necesidade de actualizar os valores da nosa lingua: unha lingua para a xente nova, moderna, rural e urbana.

A campaña plasmouse no traballo conxunto do alumnado de Xoiaría e Fotografía da EASD Mestre Mateo. Os primeiros actualizaron as boinas con complementos feitos para a ocasión, e os segundos fotografaron coas boinas a persoeiros do mundo da cultura como Davide Salvado, Paula Fernández, Alba María ou Camila Bossa. As imaxes enchen vinte muppis situados nas rúas do Ensanche compostelán. O alumnado e profesorado da Mestre Mateo percorreron hoxe algúns deles, na compañía do alcalde compostelán, Martiño Noriega.

A coordinadora do equipo de dinamización da lingua da Escola, Rosa Figueroa, agradeceu o respaldo municipal a esta campaña, "na que traballaron ducias de estudantes da Mestre Mateo, que demostraron que a boina galega pode ser utilizada coma un elemento de vangarda estética e modernidade". Pola súa banda, o alcalde felicitou á Escola por "esta iniciativa de sensibilización con respecto ao idioma, que parte dun centro referenciado na cidade e que implicou a distintos persoeiros do mundo da cultura". Martiño Noriega sinalou que o Concello non podía máis que ser facilitador deste proxecto, e invitou á cidadanía a percorrer os muppis para coñecer o traballo.

Compartir: