CULTURA

Música de cine coa Real Filharmonía de Galicia

01/11/2006 No marco de Cineuropa, a Real Filharmonía de Galicia interpreta diferentes pezas de películas, baixo a batuta de Paul Daniel. A cita, que inaugura o festival cinematográfico, pretende ser unha homenaxe ao compositor S. Warbeck, ao que se lle fará entrega dun galardón durante o concerto, o xoves 2. O programa inclúe pezas coñecidas de películas coma "Shakespeare in Love" ou "Billy Elliot".

Nesta ocasión a orquestra actúa baixo a dirección do británico Paul Daniel, que foi director musical da Ópera Nacional Inglesa dende 1997 ata 2005. O pasado mes de xaneiro fixo o seu debut na Metropolitan Opera de Nova York.

O repertorio da RFG será completamente "cinematográfico". A Sinfonía nº 25 de Mozart fará lembrar o inicio musical da película "Amadeus", de Milos Forman, sobre a vida do compositor austríaco. Pola súa banda, o Adagietto de Mahler remite á banda sonora de "Morte en Venecia", de Visconti, e a popular ‘gazza ladra’ (urraca ladroa) de Rossini á "Laranxa mecánica", de Kubrick. O prezo das entradas é de nove euros, a metade para estudantes e xubilados.

Compartir: