ALCALDÍA E DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

Máis de 70 persoas participan na xornada sobre a relación entre Universidade e Empresa do proxecto Spin&Up

07/06/2016 O Cersia acolleu unha xornada para presentar a importancia da transferencia de coñecemento entre Universidade e Empresa dentro do proxecto Spin&Up, que nace co obxectivo de estimular e favorecer a transferencia bidireccional entre a Empresa e Universidade de coñecementos e tecnoloxía no Espazo de Cooperación Galicia Norte de Portugal, mediante o encontro entre as necesidades do tecido produtivo e a oferta dos axentes xeradores de coñecemento deste territorio.

A xornada, que contou coa participación de máis de 70 persoas do ámbito empresarial e universitario de Santiago e da rexión portuguesa do Minho, foi inaugurada polo alcalde de Santiago, Martiño Noriega; o reitor da Universidade, Juan Viaño; o presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre, Jesús Chenel; o vicepresidente de TecMinho, Jaime Ferreira; e Martinha Sampaio, representante da Asociación Industrial do Minho. Tamén asistiron a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois; o presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey, e representantes doutras entidades que participan no proxecto.

O Spin&Up é un proxecto que ten como obxectivo crear unha comunidade transfronteiriza Galicia-Portugal baseada na colaboración entre universidades, incubadoras empresariais, asociacións empresariais e concellos. Tamén pretende fomentar a creación de pemes de base tecnolóxica que respondan ás necesidades reais do entorno, e mellorar o emprego e as capacidades das infraestruturas existentes a nivel local para a transferencia de tecnoloxía. O proxecto tense presentado á primeira convocatoria do programa Interreg V para procurar unha axuda europea, pero as entidades sociais do Spin&Up decidiron iniciar os seus traballos con independencia de que se lle conceda ou non esa achega.

Contribuír ao "relato de cidade"
Durante a inauguración da xornada, o alcalde sinalou que o Spin&Up é un deses proxectos "que contribúen a facer relato de cidade". Martiño Noriega reiterou que a Universidade é un dos potenciais de Compostela, "que produce un ben intanxible como é o coñecemento, que é preciso poñer ao servizo da sociedade e do seu tecido socioeconómico". O rexedor lembrou que o Concello e tamén a USC teñen en marcha outros proxectos que apostan pola creación de empresas, pero "o Spin&Up vai un paso máis alá e implica á pata que faltaba ata o de agora, as asociacións de empresarios, e tamén amplía o seu foco ata o norte de Portugal".

Martiño Noriega sinalou que este proxecto requirirá da vontade de todas as partes para dar os seus froitos, e tamén esforzos que tamén teñen que ver co económico, xa que a iniciativa está presupostada en 1,2 millóns de euros. Espérase que a subvención do Interreg V acade o 75% desa cifra.

Xornada de presentación
Despois da inauguración, o conselleiro delegado de Uninova, José Manuel Cotos, encargouse de presentar o proxecto Spin&Up aos asistentes. A xornada de mañá completouse coas intervencións da técnica de Uninova Mónica Suárez, e do técnico de AVTE Fernando Rafael Pardo Seco.

Para a tarde está prevista unha mesa redonda sobre as vantaxes e inconvenientes da relación entre empresa e universidade, na que participarán representantes de Finsa, Televés, o grupo de investigación Biofarma da USC, e o grupo de aplicacións enerxéticas sostibles da Universidade de Santiago. A mesa estará moderada polo arquitecto e ex alcalde de Santiago, Xerardo Estévez.

Compartir: