CONVIVENCIA

Uns 300 escolares de Primaria participarán este venres nunha xornada sobre seguridade viaria na praza do Obradoiro

06/06/2016 Este venres, 10 de xuño, de 10:00 a 13:00 horas, celébrase o Día Mundial da Seguridade Viaria. Con tal motivo, o Concello organizou a Semana da Educación Viaria, un programa de actividades que se pechará precisamente este día cunha xornada sobre seguridade viaria na praza do Obradoiro. Haberá talleres, música, unha xincana e outras actividades durante unhas horas nas que un dos protagonistas será Moito Olliño, a mascota do Programa de Educación Viaria da Policía Local.

Xan Duro, concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia; Diana Parente, oficial da Policía Local responsable do Programa de Educación Viaria; e Jesús Martínez, xefe dos Bombeiros de Santiago, presentaron o programa desta xornada, á que asistirán uns 300 rapaces e rapazas de 4º de Primaria de varios centros escolares. Todos eles poder participar, por exemplo, no Parque Infantil de Tráfico que se instalará no Obradoiro e que durante estas última semanas estivo no recinto feiral de Amio.

Tamén haberá diversos talleres, como o de bicicletas impartido en colaboración con Decathlon. Trátase dun obradoiro no que os rapaces e rapazas poden aprender a resolver pequenos problemas técnicos como un pinchazo, a rotura de freos ou o desaxuste das cadeas. Protección Civil tamén se unirá á xornada cun taller sobre primeiros auxilios.

A participación dos Bombeiros e a súa interacción cos nenos e nenas centrarase na prevención. Impartirán un taller sobre excarceración, na que os participantes poderán contemplar as técnica e materiais empregados nestes supostos. Ademais, prepararon unha xincana na que se combinarán os compoñentes didáctico e lúdico.

Os vehículos e materiais da Policía Local e dos Bombeiros tamén estarán expostos na praza, para que os pequenos e pequenas tamén poidan facer uso deles e sentirse policías e bombeiros por un día.

Moito Olliño
Esta xornada tamén servirá para a presentación pública da mascota do Programa de Educación Viaria, Moito Olliño. Este personaxe tamén é o protagonista do vídeo sobre seguridade viaria elaborado para o programa e que se proxectará este día. Na gravación participaron algúns nenos e nenas do Colecamiños dos colexios Raíña Fabiola e Pío XII, e tamén do Colexio Peleteiro.

O programa desta xornada sobre seguridade viaria completarase co contacontos musical aXente Corrente, a cargo de Xoglares.

Compartir: