ACCIÓN CULTURAL

Cristina Pato e Santiago Auserón xunto á Real Filharmonía de Galicia na programación cultural do mes de xuño

01/06/2016 A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou a programación cultural para este mes de xuño, no que Cristina Pato e Santiago Auserón acompañan á Real Filharmonía de Galicia en dous concertos moi especiais. Ópera, concertos da Banda, Ataque Escampe e Chicharrón, e a programación especial con motivo do Día da Música (21 de xuño), completan a oferta.

A programación musical comeza o xoves día 2 cun dos pratos fortes deste mes: o peche da temporada de abono do Auditorio de Galicia, no que a gaiteira Cristina Pato acompañará á Real Filharmonía de Galicia. Dirixidos por Paul Daniel, estará tamén con eles Esther Viúdez, co corno inglés.

O público poderá asistir á estrea absoluta de Viúvas de vivos e mortos, unha obra do compositor galego Octavio Vázquez homenaxe ás mulleres galegas; á estrea en España de The world’s Ransoming, de James MacMillan, e poderá escoitar a Sinfonía nº 4 de Tchaikovski. Previamente, ás 20:15 horas, no propio Auditorio, haberá un Conversando con… con Paul Daniel, Cristina Pato e Esther Viúdez.

A RFG estará o venres en Vigo e de novo ofrecerá un concerto en Compostela este sábado. Nesta ocasión será para pechar a sección Descubre unha orquestra para ti, a túa!, ás 12:30 horas, no parque Eugenio Granell, onde interpretarán obra de Octavio Vázquez.

Neste mes de xuño, xa fóra do programa de abono, temos outra cita coa Filharmonía. Será o 15 de xuño, xunto a Santiago Auserón, nun concerto no que o músico presenta o seu novo proxecto, Vagamundo. Dirixidos por Ricardo Casero, estarán acompañados pola guitarra acústica de Joan Vinyals no Auditorio de Galicia

Banda Municipal e Escola de Altos Estudos Musicais
A Banda Municipal ofrece os seus concertos ao aire libre, na praza das Praterías, todos os xoves ás 20:00 horas, e a iso únense os concertos que darán as fins de semana nas festas dos barrios e parroquias. Comezan este sábado na praza de San Martiño Pinario e irán confirmando os outros lugares nos vindeiros días. A Banda estará dirixida por Casiano Mouriño.

Ademais, na programación musical deste mes están os concertos de fin de curso dos alumnos e alumnas do Curso Avanzado de Especialización Orquestral da Escola de Altos Estudos Musicais. Serán no Paraninfo o luns 6, o martes 7 e o mércores 8, e o concerto de peche celebrarase no Auditorio Abanca o mércores 22. Nel estarán acompañados por algúns dos músicos da Real Filharmonía de Galicia, dirixidos por Maximino Zumalave.

Ataque Escampe+Chicharrón e Día da Música
Xa noutro estilo musical, teremos unha noite de San Xoán moi especial no Teatro Principal con Postal con palmeiras ardendo, da man de Chicharrón e Ataque Escampe o venres 24. Os Ataque Escampe presentarán algún temas de adianto do seu novo próximo disco e Chicharrón tocará o seu segundo álbum, Postal, que veñen de editar.

O 21 de xuño, Día da Música, a Concellaría organizou unha programación especial en colaboración cos Premios Martin Codax da Música e, ao longo do día, poderán escoitarse na cidade algúns dos premiados na última edición. Ao mediodía, sesión vermú na praza de Abastos con De Vacas, gañadores da categoría de coros e grupos vocais; e xa pola noite, na praza da Quintana, concerto con Foxy Freire, gañador en rock, e Croma, gañador na categoría de electrónica. Pola tarde haberá unha palestra cos Premios Organistrum na praciña da Oliveira. Son A Arca de Noe, Feito a Man e Ábretedeorellas.

Proxeccións de ópera no Auditorio
Péchase a programación musical coa proxección no Auditorio de Galicia das óperas interpretadas no Festival d’Aix-En Provence no ano 2014. É un ciclo que se fai en colaboración co Institut Français, Arte e Foundation Orange. Neste mes de xuño teremos, o martes 21, A frauta máxica, de Mozart, e o mércores 29, A Traviata, de Verdi. Todas serán con entrada libre ata completar aforo.

Mireia Sentís na Zona "C" e cinema etnográfico
Continúan os encontros mensuais da Zona "C" con diversos axentes culturais. Este mes poderemos intercambiar opinións con Mireia Sentís nun coloquio baixo o título A salto de mata o xoves 9. Sentís é escritora e fotógrafa e traballa entre Nova York, Barcelona e Madrid. Colaborou con diferentes institucións culturais e medios de prensa, radio e televisión, comisariou exposicións e, dende 1983, expón a súa obra fotográfica.

En cinema, o Concello colabora co Museo do Pobo Galego na 11ª Mostra Internacional de Cine Etnográfico, da cal haberá proxeccións os días 13, 14 e 15, ás 20:30 e ás 22:00 horas, no Teatro Principal.

Eme2 Teatro, El Punto! Danza Teatro e Teatro del Arte
O apartado de escénicas iníciase con Eme2 Teatro, que presenta O monólogo do imbécil, Premio Max de Teatro 2003 ao mellor texto en lingua galega escrito e dirixido por Jose Prieto e que pon en escena Xosé Touriñán. Poderemos velo os días 10, 11 e 12 no Teatro Principal.

O xoves 16 chega a cita coa danza na Sala Agustín Magán, no CSC de Santa Marta. Dentro do circuíto Danza a Escena do INAEM chega a Compostela El Punto! Danza Teatro con El Olimpo no es aquí. Fernando Lima aborda a presenza do deporte na sociedade e a conversión dos deportistas en ídolos, nos novos deuses do Olimpo, a través da danza e as linguaxes urbanas.

E o xoves 30 de xuño volve o teatro da man de Teatro del Arte, que presenta Luciérnagas. Despois da exitosa En construcción, escrita e protagonizada por Carolina Román e Nelson Dante e dirixida por Tristán Ulloa, e que puidemos ver en Compostela, Carolina Román presenta agora este novo texto. Haberá función tamén o 1 de xullo.

Intervencións artísticas
No Auditorio permanece aberta a mostra do 9º Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas e na Zona "C" pódese visitar a intervención As rúas contan que. Narrativas Gráficas Colectivas, de Oficina Arará, Club del Dibujo e O Botafumeiro. Está comisariada por Desirée Vidal Juncal, que foi a seleccionada na convocatoria aberta de artes visuais que a Concellaría de Acción Cultural puxo por primeira vez en marcha para a programación da Zona "C".

Tamén se poden visitar durante todo o mes os paneis explicativos do centenario das Irmandades da Fala nos quioscos da Alameda, praza de Vigo, Xoán XXIII e Sar, no marco dos actos cos que desde o Concello de Santiago celebra os 100 anos das Irmandades na nosa cidade.

Direccións relacionadas



Compartir: