EMPREGO

A Mesa polo Emprego analiza os obxectivos para o Foro da Innovación no Emprego

30/05/2016 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presidiu esta mañá unha nova xuntanza da Mesa polo Emprego para dar conta do desenvolvemento do FIE 2016 (Foro da Innovación no Emprego), que terá lugar os días 15 e 16 de xuño no Palacio de Congresos.

A Mesa polo Emprego é un órgano de participación municipal no que están representados os principais axentes sociais vinculados a este ámbito: USC, sindicatos, Cámara de Comercio, Plataforma polo Emprego, Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre e a Asociación Hostalería Compostela.

O obxectivo desta xuntanza pasaba por reflexionar sobre as previsións de celebración e os obxectivos marcados para o Foro da Innovación polo Emprego. Para esta edición búscase achegar á cidadanía a busca de emprego 2.0 a través das redes sociais "porque entendemos que é o momento que nos marcan as tendencias presentes e futuras de intermediación laboral", segundo apuntou a concelleira.

Innovación no local
A maiores levarase a cabo unha xornada relativa a innovación no eido local coa presenza de varios axentes económicos da área. Trátase de dar resposta a un reto recollido na Estratexia do pacto local polo emprego "para abrir liñas de colaboración a nivel metropolitano". O pasado 9 de maio celebrouse unha xuntanza técnica para dar a coñecer a proposta de que o Foro de Emprego fose unha peza clave de fomento e apoio á innovación local, ampliando o campo de actuación a todos os enclaves de promoción do emprego. Discutiuse tamén sobre o obxectivo deste proceso colaborativo, concluíndo na necesidade de camiñar, a medio prazo, cara a creación dunha estrutura que permita planificar o desenvolvemento do emprego a medio prazo.

Entre as actividades que se realizan no marco do Foro inclúese a xestión de ofertas de emprego. No marco do Foro da Intermediación e o Emprego 2016 prevese a xestión de 100 ofertas, de tal xeito que algunhas das empresas participantes realizarán entrevistas de selección no propio Palacio de Congresos a persoas candidatas previamente convocadas. Ese proceso de selección durará ata o 12 de xuño. As persoas interesadas poden inscribirse no enderezo electrónico da Axencia Local de Colocación.

Direccións relacionadas



Compartir: