CONSORCIO

A gaiteira Cristina Pato pecha a temporada da Real Filharmonía de Galicia coa estrea de "Viúvas de vivos e mortos"

30/05/2016 A Real Filharmonía de Galicia pon esta semana o broche final á súa tempada de abono con tres concertos. O primeiro será o xoves no Auditorio de Galicia, ás 21:00 horas. O venres, a orquestra desprazarase a Vigo, onde actuará no Teatro Afundación ás 20:30 horas. E o sábado tocará ao aire libre no compostelán Parque Eugenio Granell, ás 12:30 horas, para o público máis novo e para as familias, dentro do ciclo Descobre unha orquestra para ti, a túa!. Neste último concerto, as entradas son gratuítas e, se chove, o concerto celebrarase no Auditorio de Galicia. Nas tres actuacións levará a batuta o director titular da agrupación, Paul Daniel.

O concerto de abono de Santiago e o de Vigo comezarán coa estrea en España de The World´s Ransoming, do compositor escocés James MacMillan (1959). Centrada no Xoves Santo, relata como Xesucristo derramou o seu sangue para salvar o mundo. A música transmite unha atmosfera sombría dominada polo corno inglés, que nesta ocasión tocará Esther Viúdez, oboe coprincipal da Real Filharmonía de Galicia. Nada en Bilbao, formouse en Londres e Xapón. Foi integrante da Orquestra da Academia Europea de Música, oboe coprincipal da Sinfónica de Navarra e colaborou con diversas orquestras españolas.

Homenaxe ás mulleres galegas
A continuación, a orquestra estreará Viúvas de vivos e mortos, composta polo galego Octavio Vázquez, profesor de Composición no Nazareth College of Rochester de Nova York, para a gaiteira Cristina Pato. Ambos artistas colaboran dende hai máis dunha década. En 2014, Cristina Pato conseguiu unha bolsa da organización norteamericana New Music USA para construír un repertorio para gaita e orquestra sinfónica, o que a levou a encargarlle a varios músicos a composición de obras nesta dirección, e de aí xorde este proxecto con Octavio Vázquez.

"A obra, que require o emprego de dúas gaitas, enraiza na rica tradición musical galega, á vez que explora as diversas posibilidades expresivas, cromáticas e de afinación alternativa da gaita", explica o compositor. En febreiro de 2015, Cristina Pato e a Sphinx Symphony Orchestra, dirixida por Andrew Grams, ofreceron a preestrea de parte da obra en Detroit, nun concerto de grande éxito que foi retransmitido pola televisión pública americana. Agora o público terá a oportunidade de escoitar por primeira vez a obra completa.

O compositor destaca que "os papeis tradicionais das mulleres na sociedade galega, a miúdo como resultado de circunstancias históricas adversas, non foron secundarios aos dos homes. A historia galega está repleta de exemplos de mulleres líderes, mesmo cando se trata da política e da guerra, en todos os períodos da historia rexistrada. Máis recentemente, as mulleres asumiron moitas veces o abastecemento de familias enteiras nun ambiente preindustrial, dende a xestión de facendas á construción de estradas. Foron estas as viúvas de vivos e mortos, resultantes da emigración en masa sufrida durante gran parte dos séculos dezanove e vinte. Este concerto celebra o seu espírito inquebrantable e finalmente triunfante".

Cristina Pato, unha artista internacional
Cristina Pato gañou un Grammy en 2009 polo álbum Yo-Yo Ma and Friends: Songs of Joy and Peace, premios aos que foi nomeada de novo en 2010. É doutora en Musical Arts in Collaborative Piano pola Rutgers Universit e membro do Silk Road Ensemble. Ten pezas escritas para ela por compositores de renome como os arxentinos Osvaldo Golijov e Emilio Solla.

Aclamada polo New York Times como "unha virtuosa explosión de enerxía" e por The Wall Street Journal como "un dos mestres vivos da gaita", a gaiteira, pianista e compositora Cristina Pato goza dunha activa carreira profesional dedicada á música popular galega, á música clásica e ao jazz. A súa carreira levouna aos principais escenarios de toda Europa, Estados Unidos, India, África e China. Ofrece conferencias en institucións tan prestixiosas como as universidades de Harvard e Princeton.

Charla previa co Paul Daniel, Cristina Pato e Esther Viúdez
Os concertos de Santiago e Vigo concluirán coa Sinfonía nº 4 de Chaikovski. E, antes da celebración do concerto do xoves en Santiago, o director Paul Daniel, a oboísta Esther Viúdez e Cristina Pato manterán unha charla previa cos asistentes á cita musical. Será ás 20:15 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia.

Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia Convers@ndo con, que promove a RFG antes de cada concerto coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Compartir: