LINGUA E ACCIÓN CULTURAL

O Panteón de Galegos Ilustres acolle este sábado o o acto central de conmemoración do centenario das Irmandades da Fala

27/05/2016 O Concello de Santiago sumarase este sábado, 28 de maio, á celebración do centenario das Irmandades da Fala. Farao cun amplo programa de actividades e cun acto central no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval, a partir das 19:30 horas.

Este acto central abrirase cun recital poético no que van participar Salvador García-Bodaño, Helena Villar Janeiro, Claudio Rodríguez Fer e Lucía Novas. O evento pecharase cun concerto do tenor Joaquín Pixán e do pianista Manuel Pacheco, que interpretarán os temas do seu disco Ramón Cabanillas na música, porque lembrando a Cabanillas é como finalizaba o discurso de Porteiro Garea na fundación da Irmandade da Fala de Santiago.

Salvador García-Bodaño é poeta, narrador, crítico de arte, ensaísta, columnista de prensa... Santiago de Compostela foi a cidade onde se formou intelectualmente e na que vive. En plena ditadura franquista fundou, xunto a outros amigos e amigas galeguistas e nacionalistas, a Agrupación Cultural O Galo, pioneira de todo un longo movemento de agrupacións creadas para a difusión da nosa cultura e da nosa lingua. A súa poesía reflicte ese vínculo co galeguismo e o seu compromiso con Galicia e o galego.

Helena Villar Janeiro, mestra, activista cultural e escritora. Como escritora cultiva varios xéneros, especialmente a poesía e a narración, dedicando especial atención ao público infantil e xuvenil e tamén aos novos formatos de difusión nas redes. Foi presidenta da Fundación Rosalía de Castro e tamén membro do Plenario do Consello da Cultura Galega.

Claudio Rodríguez Fer é poeta, narrador, ensaísta e profesor da Universidade de Santiago de Compostela. O seu longo labor pola recuperación da memoria histórica está recollido nas súas investigacións e publicacións ensaísticas pero tamén na súa poesía, pois os seus textos son un berro pola dignificación da memoria das vítimas do fascismo, entre as que se atoparon moitos membros das Irmandades da Fala.

Lucía Novas é profesora no ensino secundario e escritora. Ten participado en obras colectivas homenaxe a membros do galeguismo como Alexandre Bóveda ou o editor e membro das Irmandades da Fala Ánxel Casal. Ademais, é a encargada da antoloxía poética de Ramón Cabanillas publicada por Galaxia no 2009.

Joaquín Pixán ten unha longa carreira como cantante e xestor musical. Ten desenvolvido proxectos e colaboracións con Alfredo Kraus ou Monserrat Caballé. Tamén traballou con directores como Jesús López Cobos, Rafael Frühbeck de Burgos, Benito Lauret, Jorge Rubio, Miguel Roa e David Hill, entre outros. Destacan entre a súa discografía os traballos Cantares Gallegos e Ramón Cabanillas na música.

Manuel Pacheco é natural de Villanueva de los Infantes (Ciudad Real). Desempeñou o seu labor de pianista acompañante para a Escolanía do Escorial e a Real Capilla Escurialense. Actualmente é membro do comité organizador do Festival Internacional de Música Clásica de Villanueva de los Infantes

Programa de actividades
No día no que se conmemora o nacemento hai cen anos da Irmandade da Fala de Santiago, dez días despois da creada na Coruña, o programa de actividades lembrará o discurso co que se fundou a Irmandade compostelá, pronunciado por Luis Porteiro Garea. Este discurso estaba estruturado en doce puntos e o Concello incluíu na súa programación para o 28 de maio o mesmo número de actividades.

As asociacións Gentalha do Pichel, San Martiño Pinario e Cidade Vella colaboran nas propostas, entre as que se atopan mesas redondas e charlas coloquio sobre asuntos presentes no discurso de Porteiro Garea, como a responsabilidade do pobo galego no seu destino, a presenza da nosa lingua no ámbito da xustiza ou a realidade económica de Galicia.

Tamén haberá teatro e monicreques, con propostas que farán revivir a persoeiros vinculados dalgún xeito ás Irmandades, coma o fotógrafo Ksado ou María Miramontes; e intervencións artísticas que encherán a cidade vella de retratos de persoeiros das Irmandades. No apartado musical, están previstas actuacións en distintos espazos do centro histórico, con Ricardo Parada, a Escola Vivantes, Cantamadeira, O Fondo do Peto, Alba María ou O Caruncho.

Os escenarios das actividades tamén estarán relacionados coas Irmandades da Fala de Compostela: o claustro de Fonseca, a Facultade de Filosofía, a rúa do Vilar, a praza de Cervantes, o Instituto Rosalía de Castro…

Exposición nos quioscos
As propostas do Concello para lembrar as Irmandades da Fala complétanse cunha exposición en catro quioscos da cidade que se atopan pechados. Trátase, en concreto, dos situados na Alameda, na praza de Vigo, en Xoán XXIII e na rúa Bernando Barreiro, no barrio de Sar.

A exposición trata de difundir a importancia das Irmandades da Fala, tanto na época na que xurdiron hai cen anos como na actualidade. Na mostra combínanse textos explicativos con imaxes relacionadas coa orixe das Irmandades, o seu ideario político e cultural, as súas etapas, as persoas que estiveron vinculadas a elas, ou a súa relación coa emigración. Tamén se fai referencia ao que foi o voceiro das Irmandades, A Nosa Terra.

Direccións relacionadas



Compartir: