TURISMO

Área Central acolle esta fin de semana a terceira edición de "Caravaning Compostela"

25/05/2016 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou a terceira edición de Caravaning Compostela, que se celebrará os días 27,28 e 29 de maio na praza de Europa, en Área Central. Estivo acompañada do xerente do centro comercial, José Rafael Martínez, e do presidente da Asociación Galega de Autocaravanas, Francisco Pena, que ofreceron os detalles dun evento que reunirá durante tres días máis de 40 vehículos, entre caravanas, autocaravanas e carros-tenda das empresas máis importantes e das principais marcas do sector. O horario de visita será de 11:00 a 20:00 horas.

Marta Lois destacou "a colaboración do Concello de Santiago con este tipo de eventos que permiten dinamizar o barrio das Fontiñas e Área Central en particular, e o conxunto da cidade en xeral". Por iso, o Concello colabora mediante a cesión do aparcamento de Salgueiriños para unha concentración dos socios do caravaning.

Esta terceira edición ten como obxectivo promocionar a práctica do camping e do caravaning e ser unha plataforma comercial e de divulgación deste modo de ocio familiar e en contacto coa natureza para os seus usuarios habituais. Trátase ademais de que a xente descubra esta forma de ocio adaptada a todos os petos.

Novidades
Este ano preséntanse varias novidades. Ademais dos vehículos dispostos na praza de Europa, a feira contará con varios expositores coa representación da Asociación Galega de Campings e da Asociación Galega de Autocaravanas, ademais da presenza de varios campings, que aproveitarán a ocasión para promocionar as súas instalación e servizos.

Entre as empresas de caravaning máis destacadas que xa confirmaron a presenza eses tres días en Área Central atópanse Yakart Centro Caravaning, Galicia Caravaning, Caracol Park e Caravanas Mallón. Nesta terceira feira exhibiranse modelos de marcas líderes como Dethleffs, S-Light, Adria, Benimar, Knaus e Fendt, entre outras.

Nestes tres días, as persoas que se acheguen a Área Central poderán coñecer de primeira man as marcas máis representativas do caravaning e ver as diferentes distribucións e características que ten cada vehículo, de tal forma que poidan adaptarse ás necesidades de cada un.

Ademais estarán asesorados e asesoradas en todo momento sobre o vehículo que máis lles convén e co que poden planificar as súas vacacións.

Compartir: