POLÍTICAS SOCIAIS

O Goberno local duplica as contías das bolsas de comedor escolar para o vindeiro curso

25/05/2016 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, presentou esta mañá a convocatoria para a concesión de bolsas de comedor, adquisición de material escolar e realización de actividades extraescolares para o alumnado dos centros públicos e concertados sostidos con fondos públicos de Educación Infantil e Primaria do Concello de Santiago.

Concha Fernández destacou o "compromiso do Goberno local coas políticas sociais e, en particular, coas bolsas de comedor" cuxa contía se viu incrementada nada máis tomar posesión, pasando de 135.000 a 170.000 euros e cos novos orzamentos ata acadar 360.000 euros.

As bolsas están destinadas a unidades familiares e de convivencia que, por escaseza de recursos económicos, teñan dificultades ou non poden facer fronte aos gastos de escolarización dos menores que teñan ao seu cargo. En relación ás bolsas de comedor, concederanse só na modalidade de fixos mensuais, é dicir, de todos os días lectivos do mes. O servizo de comedor será subvencionable de setembro de 2016 a xuño de 2017.

No caso das bolsas para a realización de actividades extraescolares, están destinadas a sufragar actividades educativas, deportivas, culturais e xuvenís que se realicen nos centros educativos. Son, xunto coas bolsas para a adquisición de material escolar, unha das novidades que se introducen.

Bolsas para facilitar a conciliación
As bolsas de conciliación pretenden sufragar o custo do comedor a aquelas unidades familiares ou de convivencia que teñan dificultades para conciliar a vida laboral, persoal e familiar. Concederanse só na modalidade de fixos mensuais.

Terán a condición de persoas beneficiarias as unidades familiares e de convivencia empadroadas no Concello de Santiago con menores ao seu cargo. Poderán solicitar as axudas nais, pais, titores/as legais ou persoas encargadas da garda e protección dos menores ao que se refire o punto anterior.

Requisitos
Será requisito para os/as solicitantes estar empadroados e residir de forma efectiva no Concello de Santiago, convivir co/a menor para a que se solicita a bolsa e estar matriculado/a no curso 2016/2017.

A maiores requírese que non se superen as rendas máximas establecidas na convocatoria, como son unha renda per cápita anual de 6.390,13 euros para o caso das bolsas para unidades familiares e de convivencia con escaseza de recursos económicos, e de 22.365,46 euros por unidade familiar para as bolsas de conciliación.

Contías
Aplicarase unha puntuación atendendo a diferentes criterios: familia monoparental, situación de desemprego dun ou varios cónxuxes, familias numerosas, situación e violencia de xénero…

As contías máximas a percibir serán de 90 euros ao mes no caso das bolsas de comedor, 30 no caso das actividades extraescolares e de 60 para o caso do material escolar.

As solicitudes poderán presentarse no prazo de 15 días naturais, contados a partir do día seguinte á súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.

Compartir: