BENESTAR SOCIAL

"Educación de Rúa" actúa fronte ao risco de exclusión social

30/10/2006 Co obxectivo de previr riscos sociais xorde "Educación de rúa", un programa dirixido fundamentalmente a nenos e adolescentes en situación de risco social. A iniciativa porase en marcha nos barrios de San Pedro e Fontiñas, durante un período de oito meses.

Deste programa beneficiaranse rapaces e rapazas nas que conflúen unha serie de factores de índole familiar e/ou social que os expoñen a dificultades para o seu pleno desenvolvemento. "Educación de rúa" dálles Respostas, tanto individual como grupalmente, o cal implica coñecer, entender e establecer unha relación baseada na confianza e na comunicación cos máis novos.

A experiencia realizarase nos barrios de San Pedro e Fontiñas, por concentrarse neles familias en situación de risco, elevada porcentaxe de poboación infantil-xuvenil, vivendas de protección oficial e promoción pública, alta taxa de desemprego, concentración de minorías e alta porcentaxe de familias incluídas no Programa de Intervención.

As actuacións a desenvolver son diversas: campañas informativas, talleres de formación, saídas, dinámicas grupais, seminarios, etc. O horario será de 10:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas. No programa participan dous educadores sociais con funcións de dinamización social, o equipo técnico do Programa de intervención familiar, e da atención primaria das zonas. O obxectivo é integrar nesta iniciativa a todos aqueles colectivos que traballan nestes temas nos barrios implicados.

Compartir: