CONCERTOS DIDÁCTICOS NO AUDITORIO

A Real Filharmonía interpreta "Pulcinella", de Stravinsky

18/04/2005 O martes 19 e o mércores 20 de abril rapaces de toda Galicia serán os protagonistas das actividades programadas polo Auditorio de Galicia, dentro dos seus Concertos Didácticos para Xóvenes en coordenación cos centros educativos.

4.100 nenos de toda Galicia en total daranse cita nas instalacións do Auditorio durante o martes 19 e o mércores 20 de abril coa Real Filharmonía de Galicia, que dirixe o mestre compostelán Maximino Zumalave, que interpretará a obra de I. Stravinsky, "Pulcinellla (Suite)".

Como novidade para este concerto, elaborouse unha unidade didáctica cun CD interactivo para que tanto os rapaces como os mestres tivesen un coñecemento amplo e preciso da obra que escoitarán durante estes dous días. A guía didáctica e o CD están elaborados polos pedadogos Patricia Fernández García e Jesús Alonso Villalón, mestres do colexio Manuel Peleteiro, coa colaboración de Maite López Fernández e Jorge Castromán Porto, alumnos de 4º curso da ESO do mesmo centro que prestan a súa voz no CD interactivo. Tamén se contará coa colaboración de Simone Negrí nos papeis de Pulcinella e de Stravinsky.

Os rapaces escoitarán a Suite de Pulcinella en versión revisada no ano 1949, baseada nun encargo que o empresario de ballet ruso Diaghilev lle fai a Stravinsky. O encargo en concreto é unha reorquestración dunha serie de temas do século XVIII que nese momento eran atribuidos a Giambattista Pergolesi para a realización dun novo ballet, para o que conta coa creatividade pictórica de Pablo Picasso na realización dos decorados.

A obra de Pulcinella consta de estractos de obras de autores barrocos; Stravinsky variounos e instrumentounos con grande mestría. Pulcinella é unha persoaxe típica da Commedia dell’Arte Italiana. Ë feo, xorobado, aínda que con atractivo para as mulleres; pode dorprender, algunhas veces é listo, audaz e outras torpe e vago.

A Commedia dell’Arte é un espectáculo que nace en Nápoles no século XVIII no que os actores improvisan e interpretan personaxes cómicos que se ven acentuados pola forma grotesca e ridícula das máscaras que levan. Estes actores agrupábanse en compañías que viaxaban en carros que servían de escenario para as súas representacións por toda Europa.

Compartir: