EDUCACIÓN E CIDADANÍA

A Galería Sargadelos acolleu outras dúas sesións de contos para bebés

21/05/2016 A Galería Sargadelos acolleu, no marco da XVI Campaña Municipal de Animación á Lectura, unha sesión de contos pensada especialmente para os nenos e nenas de 0 a 3 anos, acompañados das súas familias. O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, deulle a benvida aos asistentes a esta xornada lúdica, denominada "Do berce á lúa: sesión de contos para bebés". Participou a Banda de Iniciación da Escola de Música.

Nesta actividade, que se desenvolveu en dúas sesións, participaron máis de cen persoas que previamente solicitaran a súa participación, xa que polas características que concorrían nesta actividade (bebés, de 0-3 anos) non se podía superar un número de asistentes por cada sesión.

Esta actividade formaba parte da Campaña Municipal de Animación á Lectura, xa rematada, que este ano levou por título Contos para despois da chuvia, baseado no traballo de Miguel Rico (España) que resultou gañador do IX Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados, convocado polo Departamento de Educación e a Editorial Kalandraka. Pero ante as listas de agarda que quedaran para esta actividade, organizáronse a maiores estas dúas sesións do sábado.

Banda de Iniciación da Escola Municipal de Música
Logo de ter que suspender a súa actuación o pasado sábado, uniuse a esta mañá lúdica e creativa a Banda de Iniciaciación da Escola Municipal de Música de Santiago, integrada polos músicos de menor idade de entre todas as agrupacións musicais. Foi un repertorio diverso que ocupou o traballo dos últimos meses, e que estivo dirixido polo músico e profesor de trompeta Fernando Rey. Actuaron, como é habitual en diferentes épocas do ano, na rúa Nova, diante da Galería Sargadelos.

Compartir: