PLENO

O Pleno acorda realizar as xestións para a recuperación de catro quioscos da cidade

19/05/2016 O Pleno da Corporación acordou por unanimidade realizar os contactos precisos para a recuperación de catro quioscos da cidade. Actualmente hai cesión de uso público para instalacións vinculadas a Cogami, que entrou en vía concursal. O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, salientou que aínda que "se trata dun exemplo de cuestións que competencialmente son de Xunta de Goberno", comparte "o fondo da iniciativa".

Entende o grupo de Goberno que é preciso reutilizar as instalacións e un exemplo diso é o uso que se lle está dando a algúns quioscos da Alameda aproveitando o centenario da fundación das Irmandades da Fala. Para o alcalde o ideal sería conseguir a cesión para iniciativas vencelladas á economía social, mais "os administradores concursais manifestaron en varias xuntanzas mantidas na Alcaldía que non estarían dispostos a facer unha cesión de carácter gratuíto". Martiño Noriega aproveitou a súa quenda para destacar que "se levan mantendo contactos cos administradores concursais dende outubro para acadar unha solución".

Consello Municipal de Medio Ambiente
No Pleno deuse conta tamén da constitución do Consello Municipal de Medio Ambiente e da proposta de Alcaldía para o nomeamento de dous expertos en temas medioambientais como membros de dito Consello. Así, someteuse a consideración do Pleno de Santiago o nomeamento de Juan Manuel Lema Rodicio, catedrático da Facultade de Química da Universidade de Santiago, e de Pablo Ángel Meira Cartea, profesor titular da Facultade de Ciencias da Educación da mesma universidade. A proposta quedou aprobada.

Promoción da lingua galega
O Pleno tamén aprobou por unanimidade unha proposta do BNG para impulsar, dignificar e promocionar socialmente o uso da lingua galega. A concelleira nacionalista, Goretti Sanmartín, entende que é prioritario facelo dende as institucións, dando exemplo ademais cunha linguaxe inclusiva. O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, respaldou esta proposta "compartindo o fondo e o horizonte da mesma, así como a carga simbólica que ten Santiago en materia lingüística".

Compartir: