PLENO

A Corporación pídelle á Xunta de Galicia que se corresponsabilice na problemática que afecta ás persoas sen teito

19/05/2016 O Pleno da Corporación acordou esta tarde instar á Xunta de Galicia a que se corresponsabilice na posta en marcha de políticas públicas para abordar as problemáticas que afrontan as persoas sen teito.

O Goberno local presentou esta moción para que a Administración autonómica, que ten competencias en materia de vivenda e sanidade, colabore e se coordine coas medidas que se están a tomar desde o Concello de Santiago como os equipos de rúa ou a Mesa Municipal de Traballo e coordinación sobre a situación das persoas sen teito conformada por diversas entidades sociais.

Por iso a moción aprobada polo Pleno insta á Xunta de Galicia a que se corresponsabilice economicamente para a creación e posta en marcha na Área de Santiago dun Centro Integral de Atención a persoas sen teito 24 horas e para a dotación de recursos de baixa esixencia e transición para persoas sen fogar. Entende o Pleno que a Xunta debe corresponsabilizarse na creación de programas e equipos personalizados para traballar na rehabilitación persoal e no proceso de inclusión social das persoas sen teito.

A moción recibiu o voto favorable de Compostela Aberta, PSdeG-PSOE e BNG, mentres o PP abstívose.

Compartir: