MOBILIDADE

As negociacións do convenio da estación intermodal continuarán a próxima semana

19/05/2016 O próximo mércores, 25 de maio, celebrarase en Madrid a reunión entre o Ministerio de Fomento, ADIF, a Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta e o Concello, para tratar de pechar o convenio da estación intermodal. Confirmouno o concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, que se amosou convencido de que será posible asinar o acordo nas próximas semanas.

Jorge Duarte insistiu en que "hai acordo político entre as tres administracións en canto ao contido do convenio, e nos últimos días só se estivo perfilando a forma técnica e xurídica máis acaída para o texto". A Xunta xa analizou as propostas realizadas ao respecto polo Concello de Santiago e, segundo apuntou o edil, o Ministerio de Fomento trasladará a súa posición antes da xuntanza do mércores.

O concelleiro de Espazos Cidadáns aclarou que a negociación do convenio da intermodal está desvinculada das xuntanza que os técnicos do Concello mantiveron onte cos da Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta, en relación á estación de autobuses. Jorge Duarte explicou que "a Administración autonómica elaborou un proxecto para esta infraestrutura no que non tivo en conta a opinión do Concello, que se ten que encargar dos accesos e do acondicionamento do viario Clara Campoamor. Por iso se solicitou unha xuntanza de carácter técnico".

Duarte negou que o Goberno local presentara un proxecto para os accesos da estación, "porque esta é unha actuación que non é urxente e non haberá que executar ata finais de 2019". O edil sinalou que a intención do Concello é que continúen estes contactos técnicos entre as dúas administracións "para conseguir a proposta máis acaída para os intereses de Compostela".

Compartir: