EDUCACIÓN E CIDADANÍA

A Escola Infantil de Conxo celebrou a primavera e o Día das Letras Galegas

19/05/2016 Logo dun colaborativo traballo de días nos que xuntaron esforzos as familias, os nenos e nenas e os profesionais, a Escola Infantil Municipal de Conxo celebrou o seu particular Día das Letras Galegas. Foi unha xornada na que quedou de relevo a importancia de manter vivas as tradicións e os sinais colectivos da cultura de Galicia.

Diversas actividades encheron de contido a preocupación dos profesionais por iniciar aos máis pequenos no apego pola cultura do noso país. Coa axuda dos avós, uns ocupáronse da Festa dos Maios, ao son dos gaiteiros J. Francisco Pedreira e Suso Barreiro, de pandereteiras, e con traxes tradicionais e outras colaboracións.

Un grupo de traballo recreou alfombras florais e un gran maio, arredor do cal os nenos realizaron xogos e música, logo de ter aprendido coas súas familias algunhas letras, nun barrio que conta cunha viva tradición de celebración desta Festa da Primavera, que fixo en tempos bulir as rúas do barrio de Conxo.

Tamén aproveitaron para conmemorar o Día das Letras Galegas e a figura de Manuel María, recitando algún dos seus poemas ao son das gaitas. E rematou a festa cunha chocolatada acompañada de todo tipo de larpeiradas.

O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, participou nestas horas de convivencia e agradeceu aos profesionais da Escola, aos familiares e ás persoas do barrio que xuntaron medios para que todo discorrera da maneira máis satisfactoria. Nesta ocasión foi a Escola Municipal de Conxo, pero mañá e a semana que vén seguirán as actividades noutras escolas infantís da rede municipal.

Compartir: