ACCIÓN CULTURAL

A compañía Al Tran Trán presenta "The Monguers" dentro de Imperdible, o Festival Internacional de Impro de Galicia

13/05/2016 Imperdible, o Festival Internacional de Impro de Galicia, presenta a obra The Monguers no Teatro Principal, coa compañía Al Tran Trán. Será este domingo a partir das 20:30 horas e as entradas teñen un prezo de 10 euros (5 cos descontos habituais do Teatro, así como presentando a entrada de calquera dos espectáculos do festival en Unitaria. Poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal de 18:00 a 21:00 horas, no 902 434 443 ou en entradas.abanca.com.

The Monguers son sketches teatrais e musicais divertidísimos que se irán sucedendo a partir das propostas do público asistente. Todo será improvisado no momento do espectáculo. Dous músicos descarados soben ao escenario a interpretar cancións e a retarse o un ao outro a facer o que lles da a gana. Ninguén sabe o que van facer, nin sequera eles teñen a máis mínima idea do que se agarda deles pero, xa que están…

Al Tran Trán trae o espectáculo que mellor reflicte a esencia da compañía: humor, música e improvisación. "Inventaremos cancións con estribillos pegadizos, crearemos historias con finais desparafusantes e bailaremos sen control ao ritmo de melodías que nunca antes se tocaron nin escoitaron. O punto forte deste espectáculo é a cercanía que se xera co público e o absoluto gozo xeneralizado que produce, facendo sentirse a calquera coma na súa propia casa", din.

Al Tran Trán Impro naceu en 2009 para experimentar unha forma propia de facer música e teatro improvisados. O público vólcase coa súa proposta e empezan a xirar por toda España co seu primeiro espectáculo, Con mallas y a lo loco, colaborando en dúas temporadas con RNE no programa No es un día cualquiera, e gravan un documental para La 2 de RTVE sobre o Impromusical. En 2012 crean un novo show, Al Tran Trán FM, que estrean na Sala Galileo-Galilei.

Abren a súa escola de improvisación musical e teatral en Madrid. No 2014 participan na Gala de premios Forqué de TVE e embárcanse no seu novo espectáculo, La última noche, que estrearán en marzo do 2014 no Teatro Alfil ata decembro. En 2015 son seleccionados pola Rede de Teatros de Madrid co seu espectáculo Al Tran Trán FM. Al Tran Trán é sen dúbida un referente clave en España cando falamos de improvisación, música e comedia. Unha aposta arriscada onde o verdadeiro protagonista é o público.

Compartir: