XUNTA DE GOBERNO

Aprobado o convenio de colaboración coa Fundación Refuxio de Animais

13/05/2016 A Xunta de Goberno aprobou hoxe o convenio de colaboración entre o Concello e a Fundación Refuxio de Animais de Bando, por un importe de 158.350 euros. Son 23.000 euros máis que en 2015. O alcalde, Martiño Noriega, salientou a importancia deste acordo "para inxectar liquidez no Refuxio, despois dunha situación complicada porque o Goberno anterior non incluíra o convenio nos orzamentos do ano pasado".

O rexedor sinalou tamén que "un informe de Intervención advertiu que a Fundación leva tres anos acumulando perdas, o que dificulta o futuro do Refuxio". Martiño Noriega amosouse convencido de que hai que "preservar o modelo, o que ten que ver co tratamento dos animais e a resposta ante o abandono".

O alcalde explicou que o convenio coa Fundación Refuxio de Animais foi aprobado o antes posible dende a aprobación definitiva dos orzamentos municipais de 2016. Polo mesmo motivo, hoxe recibiu luz verde da Xunta de Goberno a transferencia nominativa á Fundación Granell, por un importe de 130.000 euros.

Auditorio de Galicia
A Xunta de Goberno aprobou na sesión desta mañá as bases da convocatoria para a provisión do posto de dirección-xerencia do Auditorio de Galicia. O acordo será publicado no Boletín Oficial da Provincia, e a partir dese momento haberá un prazo dun mes para presentar as candidaturas. O alcalde adiantou que o proceso de selección será participativo, e sinalou que será a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, a que dea conta das características das bases. Martiño Noriega salientou que a convocatoria foi dialogada co sector cultural e coas outras formacións políticas.

Outros acordos
En materia de obras, hoxe aprobouse a licenza para o proxecto básico e de execución das obras de mellora da eficiencia enerxética na fachada oeste do Pazo de Raxoi. A actuación está presupostada en 236.537,64 euros.

A proposta do concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, a Xunta de Goberno adxudicou o subministro dun vehículo todoterreo para a Policía Local, mediante o sistema de renting. Tamén se declarou deserto o subministro de oito vehículos monovolume para a Corpo, e iniciáronse os trámites para adxudicar o contrato mediante procedemento negociado sen publicidade, e por un tipo de licitación de 360.000 euros máis IVE.

Por último, a Xunta de Goberno aprobou a apertura do procedemento de adxudicación do servizo para a redacción do Plan Estratéxico da administración electrónica, transparencia e bo goberno, por un importe de 35.400 euros máis IVE.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: