EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Publicadas as listaxes de admisión e agarda nos obradoiros de verán as escolas infantís

12/05/2016 A Concellaría de Educación e Cidadanía vén de publicar as listaxes de admitidos/as e de agarda nos obradoiros de verán 2016 nas escolas infantís municipais de Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños. Os solicitantes que o desexen poderán realizar as súas consultas a partir de hoxe xoves na propia Concellaría, a través dos teléfonos 981 554 400/401, ou nas escolas infantís para as que se solicitou praza.

Aos efectos de formalizar a admisión e, polo tanto, reservar a praza solicitada, establecese un prazo de 10 días (do 12 ao 21 de maio) para formalizar a matrícula. Unha vez finalizado o prazo establecido, as prazas vacantes serán cubertas por rigurosa orde da listaxe de agarda.

Características
Estes obradoiros de verán están destinados a nenos e nenas empadroados en Santiago que cursen estudos de 2º ciclo de educación infantil e 1º e 2º de educación primaria, con idades comprendidas entre os 3 e os 8 anos. Realizaranse durante o mes de xuño (días 23, 27, 28, 29 e 30), xullo (do 1 ao 29, agás sábados, domingos e festivos), agosto (do 1 ao 31, agás sábados, domingos e festivos) e setembro ( dende o día 1 ata o comezo do curso escolar 2016-2017). As familias poden escoller entre varias modalidades: 5 días soltos en xuño, mes completo ou días soltos en xullo ou en agosto, e días soltos en setembro.

O horario dos obradoiros de verán será de 10:00 a 14:00 horas, coa posibilidade de que as familias soliciten ademais un servizo de almorzo (de 9:00 a 10:00 horas), un servizo de comedor (de 14:00 a 15:00 horas) e horas a maiores (entre as 7:30 e as 10:00 e entre as 14:00 e as 16:00 horas).

Hai un total de 45 prazas dispoñibles, a razón de 15 por cada unha das tres escolas infantís municipais. Os obradoiros desenvolveranse nas propias escolas, agás no mes de agosto, no que se concentrarán na Escola Infantil Municipal de Meixonfrío- Salgueiriños.

Tarifas
As tarifas dos obradoiros van dende os 12 euros dos días soltos ata os 125 euros dun mes completo. De precisarse outros servizos ofertados, o prezo dos almorzos oscila entre os 2 euros dos días soltos e os 30 euros do mes completo, mentres que o custo do comedor oscila entre os 4 euros (día solto) e os 75 euros (mes completo). As horas soltas fóra do horario dos obradoiros teñen un prezo de 3 euros, que serían 15 no caso da tarifa mensual.

Compartir: