CONVIVENCIA

A Policía Local instala un parque infantil de tráfico no recinto feiral de Amio

09/05/2016 Esta mañá empezou a funcionar o parque infantil de tráfico que a Policía Local instalou no recinto feiral de Amio, dentro do seu programa de seguridade viaria Móvete seguro con Moito Olliño. O alumnado de 6º de Primaria do CEIP Raíña Fabiola foi o primeiro en probar as instalacións, ante a atenta mirada do concelleiro de Convivencia e Medio Ambiente. Xan Duro explicou que o parque infantil de tráfico é "a parte práctica dun programa que, na súa parte teórica, chegou xa a 24 colexios e preto de 1.500 rapaces e rapazas".

A responsable do Programa de Educación Viaria da Policía Local, Diana Parente, salientou que o parque infantil de tráfico permite que "os nenos e nenas adquiran comportamentos seguros e responsables, tanto como condutores como como peóns". Para iso, nas instalacións de Amio reprodúcense situacións que se poden atopar na rúa, e os rapaces e rapazas teñen que afrontalas poñéndose no papel de condutores, ciclistas ou peóns. Outros exercen de controladores, para vixiar que os seus compañeiros respecten os semáforos, os sinais e os pasos de peóns.

O parque infantil de tráfico permanecerá en Amio ata o 9 de xuño, e prevese que por el pase unha ducia de colexios composteláns. O 10 de xuño celebrarase unha gran actividade de educación viaria na praza do Obradoiro, aberta ao público en xeral.

Obradoiro de bicicletas
A rapazada que nestes días pase por Amio tamén poderá participar nun obradoiro teórico-práctico sobre bicicletas, que a Policía Local puxo en marcha en colaboración con Decathlon. Grazas a este taller, o alumnado pode gañar autonomía e aprender a resolver problemas técnicos coma un pinchazo, a rotura dos freos, ou o desaxuste das cadeas. Tamén se lles ensina cal debe ser a posición correcta para ir en bicicleta, calcular o tamaño axeitado á súa altura, ou como colocar o casco.

Compartir: