ACCIÓN CULTURAL

Luz Pichel, protagonista do próximo encontro na Zona "C" con "Poesía e parrafeo"

06/05/2016 Continúan os encontros na Zona "C" con diversos axentes do sector cultural. A poetisa Luz Pichel (Alén, Lalín, 1947) toma o relevo para traer as letras a este espazo e continuar a propiciar debates. Será o vindeiro luns 9 de maio, ás 20:00 horas, baixo o nome de Poesía e parrafeo, cando Luz Pichel procederá á lectura de varios dos seus textos para abrir despois un coloquio posterior. A entrada é libre.

"Cada vez máis o meu traballo na poesía acontece en dependencia da lingua e as súas cruces e cruzamentos. Pasoume coa lingua o mesmo ca coa paisaxe: non estaba ata que veu alguén cunha cámara e fixo fotos. Outro alguén trouxo unha gramática. Lingua e terra estaban aí desde antes de naceren os rapaces, como están as leiras de patacas, unha conversa ao pé do lume ou unha carta da mamá vía air mail. Cando as leiras pasaron a ser paisaxe e eu me decatei de que ben se podía dicir que eran bonitas e que ata as patacas daban a súa flor, a conversa e a carta da mamá convertéronse nunha lingua e eu decateime de que esa lingua pasaba por ser unha lingua ruín. E desde entón souben que a lingua existía e era carne, tiña corpo e doía, como a paisaxe ten foto e tamén ten motoserra", di Luz Pichel.

Luz Pichelalterna a súa residencia en Madrid, onde vive dende 1970, con curtas estadías de acougo na súa aldea de Alén. É autora dos libros de poesía (I premio "Ciudad de Santa Cruz de la Palma); La marca de los potros (XXIV Premio hispanoamericano de poesía "Juan Ramón Jiménez"); Casa Pechada (XXVI premio esquío de poesía); El pájaro mudo y otros poemas, reedición do seu primeiro libro co engadido de "Ángulo de la niebla", "Cartas de la mujer insomne" e máis "Hablo con quien quiero". En 2013 publicou Cativa en su lughar/casa pechada e en 2015 Tra(n)shumancias.

Compartir: