FESTAS

A Romaría Cativa divertiu a pequenos e maiores no Teatro Principal

06/05/2016 Nenas e nenos foron os protagonistas do venres nas festas da Ascensión, na que se celebrou a primeira xornada da Romaría Cativa, que encheu de música, humor e cor o Teatro Principal, a onde se levou o espectáculo por mor do mal tempo.

Peter Punk, un dos clowns e humoristas máis destacados e programados en Galicia nestes últimos anos, presentou o espectáculo, no que tamén participaron Pitusa Semifusa e A Gramola Gominola.

As entregas musicais da xornada comezaron co III Ciclo de Música de Cámara nas Cidades Patrimonio da Humanidade de España, que trouxo a Santiago ao cuarteto La Pampa. Logo, na Alameda, colleu a testemuña, noutro estilo, a orquestra Gran Casino.

O concerto estrela da noite foi o de Davide Salvado e Batina na praza da Quintana, novamente con numeroso público. Pechou a xornada musical, tamén no Teatro Principal por mor da choiva, Mad Martin Trío.

Esta foi tamén unha xornada de danza, coa presenza de Delrevés e o seu espectáculo de danza vertical na praza da Pescadería Vella, e deportiva, co XL Torneo de Chave, un dos eventos máis tradicionais destas festas.

Compartir: