FESTAS

Soleá Morente e a Festa dos Maiores, grandes atractivos do sábado da Ascensión

06/05/2016 A programación do sábado das Festas da Ascensión fará madrugar a máis dun. A partir das 9:00 horas será a saída, dende a praza de Europa, en Fontiñas, da Andaina dos 50 km de Santiago, que vai xa pola súa décimo terceira edición. A partir das 10:30 horas celebrarase o XVIII Trofeo da Ascensión de Ciclismo coas probas escolares e cadetes e, ás 16.00 horas, a proba elite/sub23.

No recinto feiral de Amio, a partir das 14:00 horas, celebrarase a tradicional Festa dos Maiores, que cumpre 19 edicións e que consistirá nun xantar e na actuación musical da orquestra Alcázar.

Na praza Roxa haberá sesión de xogos a partir das 12:00 horas e, no Toural, a sesión vermú das 13:00 horas a cargo de Cantaramares. Xa ás 16:30 horas continuará o Torneo da Chave Festas da Ascensión na Alameda e, ás 17:30 horas, no Teatro Principal (a causa do mal tempo), terá lugar a segunda xornada da Romaría Cativa, coas actuacións de Migallas e Titiriteiros de Binéfar, co circo Isla Le Triska e coa presentación a cargo de Paco Nogueiras.

A praza da Quintana seguirá acollendo concertos. É a quenda de Soleá Morente, que actuará acompañada do grupo vasco We Are Standard (WAS). Será a partir das 21:30 horas e, unha hora máis tarde a Alameda, a actuación da orquestra Santiago DC. Finalmente, ás 23:00 horas, no Teatro Principal, concerto de Os Novos.

Soléa Morente
Tras infinidade de aventuras artísticas Soléa Morente estrea agora o seu primeiro disco, titulado Tendrá que haber un camino. Busca o seu sitio rodeada dos seus, que son moitos e variopintos. Porque este non é un disco de encontros, senón de relacións. O elenco de invitados resposta a razóns artísticas e vitais e con todos hai lazos: Soleá con J e La Bien Querida, con Los Planetas, Lagartija Nick, Lori Meyer ou Pájaro Jack. Tendrá que haber un camino apunta a un longo percorrido e parte, como non podía ser doutro xeito, do corazón de Granada.

We Are Standard (WAS)
Son un grupo de punk funk e dance rock formado en Algorta, Getxo (Biscaia) en 2002. Actualmente está integrado por Deu Txakartegi, Jon Aguirrezabalaga, Willy Vanilli e Juan Escribano.

O seu primeiro traballo, 3.00V 40.000 W, foi un éxito rotundo provocando unha xira extensísima de máis de 100 concertos que os levaron por todo o Estado e parte de Europa participando en festivais como Sonorama, BAM, Mediatic, Santander Summer, Do Norte, Eurosonic, etc.

En 2006, a banda recibe o premio El Ojo Crítico de música moderna de Radio Nacional. Abril de 2013 é a data de publicación do seu terceiro LP, Day, rexistrado nos seus estudos de Deusto.

Compartir: