TURISMO

Santiago asiste á xuntanza das Cidades Europeas de Turismo

27/10/2006 A rede European Cities Tourism celebra en Dubrovnik (Croacia) entre o 25 e o 28 de outubro un seminario sobre competencia dos destinos turísticos, as conexións aéreas e diversos obradoiros técnicos aos que asiste Turismo de Santiago. O xerente de Turismo de Santiago, Iñaki Gaztelumendi, representa á cidade na reunión desta rede, integrada polos entes turísticos de máis de 104 destinos do continente.

O evento céntrase na análise da colaboración entre as oficinas de turismo das cidades e os organismos nacionais para desenvolver estratexias turísticas axeitadas, co estudo concreto dos casos de Turespaña e dos entes turísticos nacionais da República Checa e Gran Bretaña.

Tamén haberá unha discusión sobre as conexións aéreas dos destinos e as rexións, co estudo práctico do caso irlandés exposto polo presidente das European Cities Tourism e representante de Turismo de Dublín, Frank Magee.

O programa inclúe obradoiros e grupos de traballo sobre tecnoloxía aplicada ao turismo, investigación e estatísticas, marketing, publicacións e comunicación turística.

Compartir: