DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

Últimos días para anotarse no plan formativo sobre consumo organizado polo Concello e a Unión de Consumidores de Galicia

06/05/2016 A Concellería de Desenvolvemento Económico, a través do seu Departamento de Comercio, e a Unión de Consumidores de Galicia, puxeron en marcha un plan de formación continua en materias de consumo dirixido aos comerciantes da cidade. Os obxectivos do plan de formación son contribuír á mellora da calidade das relacións entre comerciantes, consumidores e empresas de servizos, e á mellora das relacións comerciais baseadas nas novas tecnoloxías.

Os bloques temáticos e os meses nos que se impartirán son: Normativa de comercio e Normativa de consumo, maio; Vendas a distancia, xuño; Subministros, setembro; Servizos financeiros, outubro; Seguros, novembro. As inscricións poderán facerse ata o día 13 de maio mediante o envío dun formulario on line dispoñible na web municipal de Comercio.

O programa destínase a comerciantes e ao persoal do sector con establecemento aberto ao público no Concello de Santiago. Os dous primeiros bloques están especialmente dirixidos ao persoal que realice funcións relacionadas coa venda e a organización do produto e os tres bloques seguintes son de especial interese para o persoal con funcións de xerencia do establecemento.

Ofértase un total de 15 prazas para cada un dos bloques temáticos. A selección será por rigorosa orde de inscrición. Unha mesma persoa poderá inscribirse en máis dun bloque.

A planificación da actuación formativa baséase no tratamento de cinco bloques temáticos. Aínda que cada temática é independente, recoméndase a inscrición a todos os bloques en tanto o que se persegue é que o profesional acade un coñecemento integral de todos os aspectos do seu negocio relacionados coa materia de consumo. A metodoloxía a seguir será eminentemente práctica e participativa.

Cada bloque temático impartirase nunha única sesión de 4 horas de duración. O día concreto e horario de cada un dos bloques decidirase en función das preferencias manifestadas polas persoas interesadas á hora de realizar a inscrición. As sesións poderán celebrarse de luns e venres, tanto de mañá como de tarde, ou tamén os sábados pola mañá.

Compartir: