FESTAS

Compostela viviu o día grande da Ascensión

05/05/2016 O Mercado Nacional de Gando de Santiago acolleu no día da Ascensión a tradicional Feira Cabalar. O público congregouse masivamente durante a mañá no recinto de Amio para presenciar os concursos morfolóxicos e de andadura. Durante a tarde e a noite hobuo citas musicais para todos os públicos.

Nos concursos morfolóxicos puntuables da Feira Cabalar participaron 16 ganderías de pura raza galega procedentes de Oza-Cesuras, Ferrol, San Sadurniño, Vimianzo, Vilagarcía de Arousa, A Estrada, Muras, Brión e Boqueixón. Logo, as competicións de andadura serrada e chapeada contaron con 14 e 11 participantes, respectivamente, procedentes de Carballiño, Ribadeo, Viveiro, A Coruña, Carral, Ferrol, Miño, Padrón, Oza-Cesuras, Betanzos, Lugo e Begonte. O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e a concelleira de Mercados, Marta Lois, presenciaron os concursos e participaron na entrega de premios.

Tamén durante a mañá, a comparsa de cabezudos volveu tomar as rúas da cidade e, na praza do Toural, foi a quenda de Mr Cool e Felipe Castro. A Banda Municipal de Música e Cantorum Compostellana Coniunctio deron o concerto da Ascensión na praza de Praterías, no que interpretaron varias pezas.

A praza da Quintana acolleu os concertos de Fred Wesley e Aurora & The Betrayers. A orquestra Panama Band actuou no paseo central da Alameda e tamén pola noite foi a quenda de Labregos do Tempo dos Sputniks na praza do Toural.

Folk na rúa
As rúas de Santiago foron as grandes protagonistas das Festas da Ascensión dende as 18:00 ata as 20:00 horas nas prazas de San Agustín, Toural, Obradoiro, Cervantes e A Inmaculada.

Compartir: