FESTAS

A Romaría Cativa encherá de música e humor o Teatro Principal este venres da Ascensión

05/05/2016 Dende as 17:30 e ata as 20:00 horas, os nenos e nenas convértense nos protagonistas das Festas da Ascensión. É o momento de gozar da Romaría Cativa, que encherá de música, humor e cor o Teatro Principal, onde se celebrará o evento -inicialmente previsto na praza da Inmaculada- por mor da choiva. Tamén pasa a este escenario o concerto de Mad Martin Trío (23:00 horas).

O encargado de presentar o espectáculo será Peter Punk, un dos clowns e humoristas máis destacados e programados en Galicia nestes últimos anos. Gañador do Festiclown 2008, xirou por Brasil, Italia, Portugal, Cataluña, Baleares, Madrid, Euskadi, Andalucía…Con máis de 800 funcións, Peter Punk é un dos clowns galegos de referencia, cun humor gamberro e fresco sen igual. Xunto a el as actuacións de Pitusa Semifusa e A Gramola Gominola.

ÁS 19:00 horas, a atención vai para a praza da Pescadería Vella, que acolle o espectáculo de danza vertical de Delrevés. Tan só unha hora máis tarde, ás 20:00 horas, dará comezo o III Ciclo de Música de Cámara nas Cidades Patrimonio da Humanidade de España, que trae a Santiago ao cuarteto La Pampa.

A Alameda non só acollerá, a partir das 22:30 horas, a actuación da orquestra Gran Casino, senón que un par de horas antes terá lugar alí o XL Torneo da Chave, un dos eventos máis tradicionais destas festas.

Na praza da Quintana é a quenda de Davide Salvado e Batida, que actuarán ás 21:30 horas. O acceso é de balde ata completar aforo. Ás 23:00 horas, no Teatro Principal (estaba previsto na praza do Toural), concerto de Mad Martin Trío.

Davide Salvado
Davide Salvado é sen dúbida unha das voces máis carismáticas do noso país. De formación autodidacta, leva media vida recorrendo as aldeas na procura de ritmos, coplas e danzas. De todas esas mulleres que se foi atopando, aprendeu non só a tradición na música, se non todo un xeito de vivir. O amor a todas esas prácticas tradicionais e o respecto pola terra fan do xeito de entender o canto para Davide moito máis que simplemente música.

No 2003 comezou a súa carreira profesional xunto a Ugia Pedreira (Marful) e o grupo Ecléctica Ensemble. Pouco despois, uniuse como cantante e percusionista á banda do recoñecido gaiteiro Budiño, coa que xirou por escenarios de medio mundo.

A súa versatilidade permitiulle achegarse tamén a xéneros como o cabaret ou o teatro. Davide colaborou ademais en varios traballos discográficos, como Galiza, de Kepa Junkera, ou o internacionalmente aclamado Sing me home, de Yo-Yo Ma & Silk Road Ensemble, entre outros.

En 2011, editou o seu primeiro traballo en solitario, Árnica pura, producido por Eliseo Parra, que esgotou catro edicións. Tras dous anos de xira, presentou O ladrón de amorodos, un espectáculo a trío xunto o acordeonista Santi Cribeiro (Berrogüetto) e o percusionista e gaiteiro Cristian Silva. Con este espectáculo, Davide foi escollido polo xurado internacional para a sección oficial de Womex 2014, a feira de world music máis importante do mundo. Grazas a isto, conseguiu unha gran presenza nos medios especializados internacionais, onde falaron del como unha das grandes descubertas do 2014.

En febreiro de 2015 editouse o disco Rústica, un proxecto moi especial e efémero xunto a Cristina Pato, Anxo Pintos e Roberto Comesaña, que acadou moi boas críticas.

Compartir: