ACCIÓN CULTURAL

Delrevés Danza Vertical presenta este venres "Uno" dentro do circuíto Danza a Escena

04/05/2016 Delrevés Danza Vertical presenta Uno este venres dentro de Danza a Escena. Trátase dun circuíto artístico promovido polo INAEM e desenvolvido por La Red Española de Teatros, Auditorios, Circuítos y Festivales de titularidade pública e que recala este ano por vez primeira Santiago de Compostela. Este espectáculo poderemos velo a partir das 19:00 horas na praza da Peixería Vella con entrada libre. Tras o ballet de Carmen Roche que xa puidemos ver o pasado mes e este novo espectáculo, Danza a Escena traerá á cidade a El Punto! Danza Teatro e Kukai Dantza Kompainia, en xuño e outubro.

A compañía Delrevés escolle o equilibrio como punto de partida do seu novo proxecto. Toman como referencia a Leonardo Da Vinci e o seu traballo en torno ao equilibrio universal. Utilizan imaxes de obras como O Home de Vitrubio, símbolo da simetría básica do corpo humano e, por extensión, do universo no seu conxunto, así como as súas investigacións en torno ao peso e a súa obsesión pola secuencia Fibonacci.

Para esta nova produción, Delrevés abandona o formato dúo e propón por primeira vez a tres bailaríns en escena. Fixan a premisa de non establecer contacto físico ou visual entre eles ao longo da obra, tratando de transmitir o individual. Cada intérprete atópase inmerso nunha espiral durante a peza que o representa a si mesmo dentro da súa contorna. E veremos como, estas espirais, se relacionan entre si a través do movemento.

Como metodoloxía elixen a fusión de pezas de danza clásica e imaxes de break dance e danza contemporánea. Linguaxes físicas moi diferentes que comparten buscar ou romper o equilibrio. Nesta nova peza, propoñen descontextualizar a danza clásica, trasladándoa a un plano vertical. Reproducen pezas clásicas famosas que o público identificará e, á súa vez, traballan na de-construción das mesmas, xerando outra linguaxe corporal. Recompilan material dos ballets O lago dos cisnes, O crebanoces e Giselle, entre outras.

As puntas, como metáfora de inestabilidade ou dificultade á hora de atopar o equilibrio, son un elemento de gran valor para a obra. A súa utilización nun plano diferente achega novas posibilidades de movemento. Unha peza versátil, de día ou de noite, actualmente en proceso creativo. Por que danza vertical? Unha vez máis, Delrevés propón a arquitectura como soporte das súas creacións. Dous factores clave, a democratización das artes e a transformación efémera do espazo urbano.

Tres persoas. Unha parede. Conversacións a través do movemento. Uno fala da importancia de pertencer, de estabilizar o desequilibrio, de ter todo baixo control, do medo a mirar, ás miradas, de coñecerse a un mesmo, do medo. A soidade. Avanzar, correr, quizais escapar, perseguir que? que? Interaccións, comportamentos e estruturas de movemento aplicando a sucesión matemática de Fibonacci. A fusión dunha linguaxe física persoal e a danza clásica será o medio para levar a cabo esta peza.

A compañía
Delrevés, compañía de danza vertical, fundada en Barcelona por Saioa Fernández e Eduardo Torres, comezou o seu percorrido artístico a mediados do 2007. Ao longo destes anos, forxou unha sólida carreira internacional, mostrando o seu traballo en catro dos cinco continentes. Delrevés achega unha nova visión da danza vertical, creando unha linguaxe propia e innovadora, pola cal é coñecida e valorada.

Partindo cada un de diferentes disciplinas dentro das artes escénicas o seu principal obxectivo é a fusión de diversas linguaxes artísticas, como a danza contemporánea, as artes dixitais, o teatro e a danza vertical, utilizando a arquitectura como soporte do movemento. Tras as anteriores producións, Repite Conmigo e Guateque, Delrevés presenta o seu terceiro proxecto, Uno.

Compartir: