POLÍTICAS SOCIAIS

O Goberno local preséntalle aos grupos da oposición a proposta de ordenanza "Compostela +"

03/05/2016 A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, mantivo unha xuntanza esta tarde cos grupos da oposición en Raxoi para presentarlle a proposta de ordenanza de garantía básica cidadá do Goberno local, que leva por nome "Compostela +".

O obxectivo desta xuntanza pasaba por recoller as achegas de todos os grupos políticos cara a mellorar e completar a proposta do Goberno, continuando así a liña de participación que se abriu nos últimos meses coas entidades sociais, que participaron da súa elaboración. Esta ordenanza "quere superar as eivas da actual, a Santiago Suma, que impedía que aquelas persoas que tiñan débedas coa Administración pública puideses acceder ás axudas"

A ordenanza proposta polo Goberno local conta con dúas liñas de actuación. A primeira, a Renda municipal de garantía básica cidadá, que busca dotar de recursos económicos ás persoas que se atopan en risco de exclusión social. Terá unha duración máxima de 6 meses, prorrogables a 18 en función dun itinerario de inclusión social ao que está ligada. A segunda, as prestacións de rescate social, que buscan ofrecer axudas para o alugueiro de vivendas, loitas contra a pobreza enerxética, a atención en saúde bucodental ou dotar de recursos a familias cuxos fillos e fillas estean a cursar estudos pos obrigatorios.

O Goberno local espera agora que a oposición propoña as súas achegas a este borrador de ordenanza para completar a proposta. Ademais, a concelleira de Políticas Sociais presentaralle o mesmo documento ás entidades sociais da cidade que participaron da súa elaboración.

Compartir: