ACCIÓN CULTURAL

Música, danza, teatro, arte e letras en maio, o mes de Manuel María

02/05/2016 A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou esta mañá a programación cultural do Concello para o mes de maio, que se complementa co programa das Festas da Ascensión e coas actividades dos centros socioculturais. Música, teatro, danza, intervencións artísticas no mes no que as protagonistas son as letras. Por un lado coas actividades arredor do Día das Letras Galegas e do seu homenaxeado este ano, Manuel María; e polo outro, o centenario das Irmandades da Fala.

Entre as diversas actividades de conmemoración do Día das Letras Galegas, o 17 de maio haberá un Roteiro Homenaxe a Manuel María que sairá da praza do Obradoiro e percorrerá varios lugares da cidade. Isto únese aos momentos de lembranza para as Irmandades da Fala, das que se celebrará o seu centenario: así, inaugurarase unha exposición arredor da súa historia o día 18 na Alameda e o sábado 28 haberá actividades ao longo de todo o día no Principal e noutros puntos de Compostela. Dentro do apartado de letras, tamén se celebrará un novo encontro de mediación cultural na Zona "C" con lectura e coloquio da man de Luz Pichel o luns día 9.

Banda Municipal de Música
A Banda Municipal únese tamén á celebración do Día das Letras Galegas e ofrecerá un concerto o 17 de maio nas Praterías, xunto a Cantigas e Agarimos. Ademais, tamén terá o xoves 5 o Concerto da Ascensión nas Praterías; o domingo 8 no Principal un concerto xunto á soprano Teresa Novoa da man da Asociación de Amigos da Ópera; e o xoves 26, de novo na praza das Praterías, comezan o ciclo de concertos dos xoves na rúa, da temporada de verán.

Programa de Abono: Real Filharmonía de Galicia
Dentro do programa de abono, celébrase o último concerto do ciclo de piano Ángel Brage, este mesmo mércores co compostelán Javier Otero e continúa da orquestra da cidade, a Real Filharmonía de Galicia. O xoves 12 homenaxea a Shakespeare e Cervantes acompañada do Coro Feminino do Orfeón Terra a Nosa e o venres 13 interpretan, no espazo Descubre unha orquestra para ti, a túa, fragmentos do Soño dunha noite de verán. O xoves antes do concerto haberá un Conversando con… con Paul Daniel, director titular da orquestra que nesta ocasión, ademais, será tamén narrador. O venres 20, a orquestra estará dirixida por Maxim Emelyanchev e o xoves 26, será Karen Kamensek quen dirixa, nunha cita moi especial, xa que non son moitas as oportunidades que hai de ver á orquestra dirixida por unha muller.

Outros concertos de clásica
A música clásica tamén será a protagonista esta mesma tarde, onde teremos a oportunidade de escoitar un dos mellores ensembles de saxofóns, o Mallorca Saxophone Ensemble, que dirixe o galego David Fiuza. Este mércores, celébrase a Gala Lírica dos Conservatorios de Galicia que organiza a Asociación de Amigos da Ópera, e o venres 6 chega o Cuarteto La Pampa dentro do III Ciclo de Música de Cámara nas Cidades Patrimonio da Humanidade de España. Os tres eventos serán no Teatro Principal.

Outras músicas
Dentro de outros estilos musicais, a semana que vén, mércores 11, Dead Combo ofrecerá no Teatro Principal as súas músicas do mundo e, xa o xoves, no mesmo escenario, Aline Fraçao, un dos nomes destacados da nova xeración de músicos angolanos, presenta o seu último traballo, Insular. O xoves 26 será outra cantante, neste caso Sonia Lebedynski, a que nos presente o seu disco, neste caso o seu primeiro traballo, Deserto de centos, resultado de todas as músicas das que foi bebendo ao longo súa traxectoria musical e vital: trad, folc, funk, pop, música brasileira…

Danza
No apartado de artes escénicas, en concreto da danza, a programación xa comezou onte, domingo día 1, con Control, de Javier Martín. Este venres teremos a oportunidade de gozar na praza da Peixería Vella de Uno, da compañía Delrevés Danza Vertical, que chega a Compostela dentro do programa Platea do INAEM. En Platea enmárcase tamén a proposta de danza da compañía Mal Pelo que poderemos ver no Principal o venres 13: Bach.

Teatro En teatro, temos a Antón Coucheiro que presenta Smart, dentro do clown, onde nos explica como un teléfono intelixente pode converternos en idiotas…. Será o mércores 18 no Teatro Principal. E os días 19 e 20 chega a Compostela o monólogo de Angélica Lidell Mi relación con la comida, que pon sobre as táboas do Principal Esperanza Pedreño. Os días 27 e 28, a compañía Obras Públicas ofrecerá no Principal o seu musical Bye Bye Honey, da autoría e dirección de José Prieto e enmarcado dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC.

Imperdible, Festival Internacional de Impro de Galicia
Ademais, este mes temos a colaboración con Imperdible, o Festival Internacional de Impro de Galicia, que se celebra en diferentes lugares da cidade do 9 ao 22 de maio. O domingo 15 estarán Al Tran Trán con The Mongers, humor e música; e o sábado 21 poderemos ver o Solo de Impro de Omar Argentino, ambas no Principal. O domingo 22 a cita será no Auditorio de Galicia, onde se pecha toda a programación do festival coa Orquestra Multidisciplinar de Improvisación dirixida tamén por Omar Argentino. Participan, entre outros, The Momento Impro, Chévere, O Coro da Rá ou Cisma Danza.

Intervencións artísticas
Continúa aberta no Auditorio de Galicia a mostra do 9ª Premio para Novos Artistas; na Alameda haberá unha exposición do centenario das Irmandades da Fala e o venres 27 inaugurase unha nova intervención na Zona "C" de entre as seleccionadas na convocatoria aberta en artes visuais que nutre de programación este espazo multidisciplinar. Nesta ocasión trátase de As rúas contan que. Narrativas gráficas colectivas, comisariada por Desirée Vidal Juncal e na que participan Oficina Arará, Club del Dibujo e O Botafumeiro.

Toda a información na web e redes sociais
Toda a información de cada un dos eventos, horarios, prezo de entrada, lugar de venta das mesmas… pode atoparse na páxina web da Concellaría de Acción Cultural: compostelacapitalcultural.org. Ademais, información diaria de todos os eventos nas redes sociais do departamento: Facebook.com/CompostelaCapitalCultural e @CCultura.

Direccións relacionadas



Compartir: