XUNTA DE GOBERNO

Iniciado o trámite de posta en marcha dos Orzamentos Participativos de 2017

29/04/2016 A Xunta de Goberno acordou hoxe iniciar os trámites para a adxudicación do servizo para a posta en marcha dos orzamentos participativos para o ano 2017. O expediente resolverase mediante procedemento negociado sen publicidade, e conta cun tipo de licitación de 59.945,72 euros. O alcalde insistiu en que "os orzamentos participativos permitirán que a cidadanía interveña na toma de decisións sobre o destino dunha parte dos fondos municipais".

Martiño Noriega lembrou que, nas contas do ano que vén, "os veciños e veciñas de Compostela poderán decidir sobre un orzamento mínimo inicial de 1,1 millón de euros", un millón do capítulo de investimentos reais e 100.000 euros de actividades de mocidade. A intención do Goberno é seguir traballando nesta liña, co obxectivo de que, ao final do mandato, Santiago sexa un dos concellos que máis porcentaxe dos orzamentos vencella á opinión da cidadanía. Para iso, Noriega fixou como "obxectivo ambicioso duplicar a cantidade reservada nos orzamentos de 2017".

O alcalde lembrou que o primeiro paso no proceso dos orzamentos participativos é a enquisa que xa se está realizando, co obxectivo de dividir Compostela en 5 ou 8 barrios ou distritos para facilitar así o procedemento. A sondaxe pódese cubrir na web decide.santiagodecompostela.gal ata o 27 de maio.

Festas
Na Xunta de Goberno de hoxe aprobáronse dous acordos relacionados coas festas da Ascensión. O primeiro deles é o cambio de datas na concesión do espazo público da Alameda para a instalación das atraccións, que funcionarán do 4 ao 12 de maio. O segundo acordo foi informar de xeito favorable a ampliación nunha hora do horario de peche solicitado por Hostalería Compostela, entre o 29 de abril e o 8 de maio. Déuselle o visto bo á mesma ampliación para a noite do 23 de xuño.

Obras
En materia de obras, a Xunta de Goberno acordou autorizar a redacción dos proxectos modificados das Fases I e II das obras de Vista Alegre. Nos dous casos, a necesidade de modificar o proxecto ten que ver que a Fase III das obras supuxo un rebaixa na rasante de varias rúas, afectando aos proxectos existentes.

Ademais, o Goberno autorizou a posta a disposición da Xunta do tramo viario da estrada AC-543 de Vidán a Brandía, onde o Executivo galego vai construír unha senda peonil. Os terreos seguirán sendo de titularidade municipal, e na execución das obras deberán terse en conta as suxestións do Concello de Santiago.

Outros acordos
A Xunta de Goberno tamén deu conta hoxe da concesión dunha subvención do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, para o programa de prevención de drogodependencias Versión 2.0. A achega é de 39.312 euros, e o Concello sumará a esa cifra outros 16.848 euros para o desenvolvemento de actividades como concertos sen alcol ou talleres de graffiti.

Por último, o Executivo local aprobou a modificación do contrato de prestación do servizo de conserxería e limpeza dos CEIPs, para atender as novas instalacións do Monte dos Postes e do Roxos-Villestro. O importe a maiores polo mantemento das novas unidades deses colexios será de 8.928,09 euros.

Documentos relacionados



Compartir: