PLENO

O Pleno dá o visto bo definitivo aos orzamentos municipais de 2016

28/04/2016 O Pleno da Corporación deulle hoxe o visto bo definitivo aos orzamentos municipais de 2016, que entrarán en vigor ao día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia. Os orzamentos deste ano ascenden a 99.400.897,44 euros. O orzamento consolidado, o que incorpora as contas do Auditorio, Incolsa e Tussa, sobe aos 102 millóns de euros.

Os tres grandes eixos dos orzamentos municipais de 2016 son as políticas sociais e o emprego, con partidas que suman 8,8 millóns de euros; o mantemento, cun orzamento de 1,1 millón de euros; e o reequilibrio territorial, con dous millóns de euros. Nos dous últimos casos, as consignacións orzamentarias duplican ás recollidas nos orzamentos de 2015. Os orzamentos municipais foron aprobados de forma definitiva despois da inadmisión a trámite das dúas alegacións presentadas ás contas.

Representantes no Pleno da Mancomunidade
Na sesión ordinaria de hoxe, a Corporación aprobou por unanimidade a proposta para a designación dunha persoa concelleira no Pleno da Mancomunidade da Comarca de Compostela. Trátase dun acordo para que a oposición estea representada neste órgano, cun concelleiro que terá voz pero non voto. O posto irá rotando cada ano entre os distintos grupos da oposición, empezando polo que conta con maior número de representantes na corporación municipal.

A proposta do PP, o Pleno acordou a adopción de medidas para mellorar a información das incidencias de tráfico polas obras, e a implantación de novos servizos de telecomunicacións no lugar de cabinas telefónicas. Serían puntos nos que poder recargar os dispositivos móbiles ou ter acceso á rede wifi.

Compartir: