PLENO

Aprobada por unanimidade da Corporación a Ordenanza de Transparencia

28/04/2016 O Pleno da Corporación aprobou hoxe, por unanimidade, a Ordenanza de transparencia, acceso á información pública e reutilización de datos da Administración do Concello de Santiago. O texto adapta ás especificidades de Compostela a Lei 19/2013, coñecida como Lei de Transparencia, que entrou en vigor en decembro pasado para os concellos e as comunidades autónomas.

A Ordenanza de Transparencia foi defendida pola concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, que explicou que o texto tomou como base a ordenanza tipo redactada pola FEMP e posteriormente adaptada pola FEGAMP, pero foi máis alá "no que ten que ver coas entidades que están obrigadas a publicar información, ampliando a lista de datos que teñen que facer públicos o Goberno e os grupos municipais, e sinalando a obriga do Concello de realizar un inventario dos activos municipais.

O prazo para facer efectivas todas as medidas incluídas na Ordenanza é de 18 meses, tal e como tamén se aprobou no pleno de hoxe, posto que inicialmente o texto sinalaba un prazo de 12 meses.

Urbanismo
No Pleno de hoxe tamén saíron adiante algúns asuntos relevantes en materia de Urbanismo. Así, deuse un primeiro paso para a modificación puntual da ordenanza especial OE-5 de Galeras, no ámbito do antigo Hospital Xeral. A medida suporá a ampliación do catálogo de usos autorizables neste espazo, engadindo os usos sociocultural, docente, comercial e oficinas aos xa permitidos polo plan vixente: residencial comunitario, sanitario, asistencial e hoteleiro.

O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, explicou que a modificación pretende "conseguir os obxectivos sinalados no protocolo asinado entre a Universidade de Santiago e o Concello e aprobado polo Pleno Municipal o 30 de xaneiro de 2012". A finalidade última é facilitar a posta en uso do inmoble "evitando o seu crecente deterioro e incentivando as súas posibilidades de utilización".

A modificación mantén o requisito de conservar a fachada pétrea monumental do antigo Hospital Xeral, e sinala que a posibilidade de crear novas plantas de soto, destinadas á dotación de prazas de aparcadoiro, condicionarase a que non afecten ou danen elementos esenciais e definidores do edificio. A documentación relativa a esta modificación seralle remitida á Secretaria Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Xunta, para que inicie o correspondente procedemento de avaliación ambiental que require calquera cambio introducido no Plan Xeral de Ordenación Municipal. A proposta contou cos votos a favor de Compostela Aberta, PP e BNG, e coa oposición do BNG.

Tamén relacionado coa Universidade, o Pleno aprobou de xeito inicial, por unanimidade, a modificación puntual do PXOM e do Plan Especial do Campus Universitario, para excluír da reserva xeral de equipamento universitario o ámbito do grupo de vivendas San Ignacio de Loyola. A medida está xustificada polo cambio nas previsións da USC respecto do emprazamento da futura Facultade de Medicina, que finalmente estará no contorno do Hospital Clínico, e polo estado de deterioro das edificacións, nas que ata o de agora só se podían facer obras de mantemento. O expediente será sometido a información pública durante o prazo de dous meses, e a documentación seralle remitida á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, para que se pronuncie ao respecto.

Igualmente por unanimidade, recibiu luz verde definitiva o estudo de detalle para a rehabilitación da fachada dun bloque de vivendas na rúa Carlos Maside de Vite. O concelleiro de Espazos Cidadáns sinalou que este estudo de detalle completarase máis adiante con outro que permita a instalación de ascensores no edificio.

Outros acordos
A Corporación aprobou, por unanimidade, a incorporación de Santiago á Red Española de Ciudades por el Clima, unha sección da Federación Española de Municipios e Provincias que reúne a vilas comprometidas co desenvolvemento sostible e as políticas locais contra o cambio climático.

Tamén co respaldo de todos os grupos, aprobáronse os Estatutos da Asociación de Municipios do Camiño de Santiago. O alcalde, Martiño Noriega, aproveitou para anunciar que o próximo plenario desta entidade celebrarase en Compostela.

Por último, aprobouse por unanimidade a proposta de creación da Mesa Local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero, e déuselle luz verde definitiva ao Regulamento do Consello Municipal de Turismo e Cidade de Santiago de Compostela.

Compartir: